A eles sumaránse 35 efectivos da Guardia Civil, 10 da Policía Autonómica (encargada, sobre todo, da posible venda de alcol a menores) e 25 de Protección Civil (xunto a unha ambulancia asistencial e outra medicalizada). Axentes da Agrupación de Tráfico realizarán controis aos condutores e o Seprona atenderá a calquera posible dano ambiental, especialmente nas dunas.Todo este dispositivo foi analizado onte na Xunta Local de Seguridade celebrada no Concello de Nigrán e á que asistiu o alcalde de Nigrán, Juan González; a subdelegada de Goberno, Ana María Ortiz, e demáis representantes dos diferentes axentes implicados. Na Xunta Local tratouse tamén a seguridade do festival Vive Nigrán e da festa da parroquia de Parada o día 25 de xullo ao contar coa orquestra Panorama.
«Temos todo disposto e completamente coordinado para que a noite transcorra con normalidade, sen incidentes, e que, polo tanto, as fogueiras sexan as auténticas protagonistas da festa máis señeira de Nigrán», resume o rexedor.
Coma no ano anterior, o Concello de Nigrán blindará as dunas de Panxón con 700 metros lineais de valo de dous metros de altura para evitar calquera dano, polo que os asistentes só contarán cunha zona de paso á praia (o resto elimínanse para incluílas dentro do cercado). Ademais, dotaranse dunha iluminación extra para que a vixilancia por parte do Seprona sexa o máis efectiva posible. «Non se pode arroxar pola borda o traballo realizado para a rexeneración dunar, temos que ser precavidos. O ano pasado funcionou e non nos ímos quedar cortos en medidas de protección», insiste Juan González.
Desde o Concello dispúxose todo para que a mañá do sábado a praia se atope en perfectas condicións. Así, debido a que a marea alta coincidirá ás 5.00 da madrugada, o desaloxo do areal adiantarase ás 6.00 (normalmente é ás 7.00 horas) para que a esa hora a empresa concesionaria Cespa inicie a limpeza acompañada dos 16 operarios municipais de Vías e Obras. Como outros anos, comezarán os traballos desde a punta de Panxón.
Como novidade, e seguindo o exemplo da festa da Arribada de Baiona, taxistas de Baiona e Nigrán acordaron poder recoller pasaxeiros en ámbolos municipios os días 23 e 24 de xuño, pacto que hoxe foi trasladado dende os respectivos concellos á Consellería de Emprego, Comercio e Industria para a súa autorización. «Dende o Concello de Nigrán impulsamos este acordo porque cremos que é algo positivo para taxistas e usuarios; é unha noite de grandísima demanda na que hai que traballo dabondo para todos. Ademáis, tratase de ofrecer o mellor servizo posible ao usuarios», sinala González.