Na presentación, o rexedor comezou repasando as 90 rúas que foron humanizadas nos derradeiros dous anos e que xa forman parte das 820 que se remodelaron nos últimos anos en todas as parroquias e no casco urbano. Entre as que están en marcha, referiuse a Gregorio Espino, Doutor Corbal, Rosalía de Castro ou Llorente, entre outras moitas.
Tamén se referiu aos 150 zonas verdes melloradas, entre elas, o macro parque de Castrelos ao que proximamente se van sumar o de Venezuela, o de Navia ou o de Teis. Ademais dous novos skateparks en marcha, un en Navia e outro en Barreiro. Igualmente, segue crecendo o número de parques biosaudables e xa son 75 (no ano 2007, había só 1).
O alcalde puxo en valor a política social, con axudas ao pago de vivenda, de enerxía, de alimentación, ou coa apertura dun albergue. Tamén enfatizou a «vocación política» pola educación pública, con 5.000 bolsas de comedor escolar, o programa «Vigo en Inglés», as escolas infantís e a UNED de Vigo, con trece titulacións nun Mar de Vigo onde o goberno vigués vén de abrir unha gran biblioteca-sala de lectura con 450 postos.
O alcalde gabou a recuperación do aeroporto de Vigo, camiño do millón de viaxeiros anuais, e á designación de Vigo como o concello galego máis transparente. Destacou tamén o proxecto do Vigo Vertical, coa segunda fase das escaleiras da Segunda República en obras e o inicio de proxectos en San Salvador, no parque Camilo José Cela e en Carral. Engádese o EDUSI, financiado con 15 millóns de fondos FEDER e outros 3,5 millóns municipais, para levar adiante accións do Vigo Vertical, por exemplo, na Gran Vía.
Na transformación da cidade, citou a trintena de murais en medianeiras do programa de arte urbano, que prosegue este ano coa terceira edición, e a consecución da quinta Vasoira de Platino consecutiva pola limpeza da cidade. Nas finanzas, o Concello ten actualmente débeda cero.
No acto desta mañá, o goberno vigués aludiu aos grandes proxectos conseguidos ou en marcha, como a remodelación do estadio de Balaídos, a nova depuradora, a rehabilitación da Panificadora, a humanización da Avenida de Madrid, a apertura da sede viguesa da UNED, a peonización da Porta do Sol ou a campaña Illas Cíes, Obxectivo Patrimonio da Humanidade.
Como punto negro, Caballero lamentou a anulación xudicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal, responsabilidade da Xunta de Galicia pola elaboración dun informe insuficientemente motivado, explicou o alcalde.
Oposición
Pola súa banda, o principal partido da oposición, o PP, lamentou que a cidade dera “pasos atrás”. A súa voceira, Elena Muñoz criticou o balance feito por Caballero: “Entendo que teña que facer balance de 10 anos, porque se o fixese de dous anos de lexislatura acabaría en 30 segundos. Desgraciadamente, ese balance non é positivo para Vigo”, afonda Muñoz.
Segundo ela, durante este tempo “perdemos peso económico en relación co resto de cidades galegas”, sen que haxa existido unha política de apoio aos sectores económicos máis importantes. “¿Onde estivo para apoiar a Citroën; onde estaba cando o naval tiña graves problemas”, cuestionouse, sinalando que esta falta de respaldo esténdese a outras industrias como o turismo, o comercio ou a cultura.
Durante estes dez años, mantivo, “abriuse unha gran fenda entre o centro e o rural”, agrandada pola ausencia de infraestruturas e servizos. “Non hai humanizacións no rural, do mesmo xeito que falta saneamento e tampouco hai un transporte digno para os vigueses que viven nel”, expón.
Muñoz Fonteriz tamén aludiu á “política de confrontación” do alcalde, que provocou o retraso ou a paralización de “infraestruturas importantísimas” para Vigo.