Operarios municipais depositaron pola mañá o material para facer as dúas fogueiras na praia de Panxón -fundamentalmente restos de poda e broza- e durante o venres serán xa confeccionadas. En total, no termo municipal de Nigrán rexistráronse 33 solicitudes para facer fogueiras, 7 máis que o ano pasado.
Desde o Concello dispúxose todo para que a mañá do sábado a praia se atope en perfectas condicións. Así, a empresa concesionaria Cespa iniciará a limpeza acompañada dos 16 operarios municipais de Vías e Obras desde as 06.00 horas. Como outros anos, comezarán os traballos desde a punta de Panxón.
Por outra banda, o Concello adiantará este ano o desaloxo da praia de Panxón por mor das mareas vivas, que prevén alcanzar o máximo nivel ás 4:37 horas invadindo por completo o areal, polo que como mínimo dúas horas antes os asistentes non poderán estar na zona que comprende desde o porto pesqueiro ata o río Muíños.
Do mesmo xeito, o Concello pediu que non se deixe o lixo na praia e cada un sexa responsable de depositalo nos contedores que se habilitarán fronte as pistas deportivas de Gaifar, ao lado do hospital de campaña. «Aínda que o operativo especial de limpeza comezará antes do habitual, debido ás fortes mareas vivas terá escaso marxe de manobra e todo o que non de tempo a recoller podería acabar no mar, así que facemos un especial chamamento ao civismo e responsabilidade da xente», incide o alcalde.
A totalidade do persoal da Policía Local de Nigrán participará no dispositivo de seguridade dunha festa que se prevé especialmente multitudinaria ao coincidir en venres, a eles se sumarán os recén incorporados auxiliares de Policía Local e reforzos doutros municipios.A maiores, haberá 35 efectivos da Guardia Civil, 10 da Policía Autonómica (encargada, sobre todo, da posible venda de alcol a menores) e 25 de Protección Civil (xunto a unha ambulancia asistencial e outra medicalizada).
Ademais, axentes da Agrupación de Tráfico realizarán controis aos condutores e o Seprona atenderá a calquera posible dano ambiental, especialmente nas dunas. «Temos todo disposto e completamente coordinado para que a festa transcorra con normalidade, sen incidentes, e que polo tanto as fogueiras sexan as protagonistas», resume o rexedor.
Como novidade, e seguindo o exemplo da festa da Arribada de Baiona, taxistas de Baiona e Nigrán acordaron poder recoller pasaxeiros en ambos municipios os días 23 e 24 de xuño.