“É un fito único para Galicia e Vigo que nos permite poñer a Vigo a Galicia e a nosa cultura no mundo”, asegurou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, que agradeceu no acto celebrado este mediodía na Praza da Reitoría o traballo e apoio de entidades públicas e privadas e particulares que colaboraron coa institución académica para facer posible o retorno do Pergamiño á beira o do mar que viu nacer hai oito séculos.
O músico Roi Casal foi o encargado de amenizar un acto no que xunto ao reitor da Universidade de Vigo, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, manifestaron a súa satisfacción polo retorno da obra de Martín Códax á cidade olívica, “de onde nunca debeu saír”, asegurou Caballero.
A que está considerada como un dos cumios da literatura medieval galego-portuguesa, será a peza central da mostra Pergamiño Vindel: un tesouro en sete cantigas que se desenvolverá no Museo do Mar de Galicia, entre os meses de outubro de 2017 e marzo de 2018.
Dividida en sete partes, unha por cada cantiga que integran o Pergamiño, e comisariada polo historiador Francisco Singul, a mostra será o eixo central dun programa de actos no que as actividades culturais e de investigación terán especial protagonismo.
Concertos, ciclos de cine e un congreso internacional co Pergamiño como eixo central, son algunhas das accións que valorizarán a presenza da obra de Martín Códax en Vigo. “En setembro presentarase a folla de ruta das actividades de promoción da nosa lingua, cultura e historia”, avanzou Román Rodríguez, que manifestou a súa satisfacción da Xunta por colaborar nun proxecto que é a culminación de dous anos de negociacións entre a Morgan Library, propietaria da obra desde 1977, e a Universidade de Vigo, “que foi moi rigorosa e cumpriu as expectativas da entidade norteamericana”, sinalou o reitor.Escrito por unha soa cara a catro columnas con 26, 24, 23 e 17 liñas respectivamente e cunha dimensión de 34 x 45 centímetros, nada se soubo da obra de Martin Codax durante séculos ata que en 1914 o comerciante madrileño de libros antigos Pedro Vindel atopouno na garda interior dun exemplar do século XIV, aínda que encadernado no XVIII, do libro ‘De officiis’ de Cicerón.
O diplomático e musicólogo Rafael Mitjana comprou o Pergamiño con intención de estudar a súa música e despois da súa morte foi adquirido polo bibliófilo Otto Hass e posteriormente posto á venda en Londres, onde foi adquirido pola J. Pierpont Morgan Library, onde permanece desde o ano 1977 coa sinatura MSM.979, a disposición dos estudosos que desexen traballar con el.
Foi una visita a Nova York da asociación Pertenza a que puxo en marcha un proceso que dous anos despois desembocou na confirmación da saída, por primeira vez, do Pergamiño de Nova York para a súa exhibición.
Salustiano Mato lembrou na súa intervención este proceso e agradeceu o apoio da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, concellos como o de Vigo, entidades e empresas, así como da propietaria da obra e a iniciativa da asociación Pertenza “que nos abriu os ollos ante la posibilidade de traer o Pergamiño a Vigo”.
Pola súa banda, o conselleiro Román Rodríguez cualificou o retorno do Pergamiño Vindel a Galicia como “un proxecto de país que nos permite ademais crear ao seu arredor todo un conxunto de actividades que permitan que todas as persoas o coñezan”. O conselleiro que se referiu ao Pergamiño como “unha das cartas fundacionais de Vigo” desexou unha longa vida á lingua, á cultura, a Vigo e a Galicia.
Mentres, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, felicitou á Universidade por facer posible o retorno da obra de Martin Codax á cidade, “Hoxe regresa e un día debe volver para quedar porque forma parte da nosa tradición europea”, asegurou Caballero, que se referiu ás cantigas de Martín Códax como “as cantigas da Universidade de Vigo”.