Os datos presentounos este luns o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, quen definiu este programa do Goberno galego como unha mostra máis da colaboración entre institucións. Segundo dixo, “cada vez estamos máis preto de acadar a meta da taxa de paro do 10 por cento marcada na Axenda 20 para o Emprego”. “A redución do desemprego é unha prioridade do presidente Alberto Núñez-Feijóo e da Xunta de Galicia e así o demostra a política desenvolta nesta área”, sinalou, ao tempo que quixo remarcar que a Consellería de Economía, Emprego e Industria aumentou nun 10 por cento o orzamento respecto ao ano pasado para o conxunto desta iniciativa en Galicia.
Trátase dunha actuación, enmarcada na Axenda 20 para o Emprego, que o Goberno galego leva a cabo en colaboración cos concellos e que, polo tanto, fomenta a cooperación institucional. No que atinxe á área territorial de Vigo, desenvolveranse 8 obradoiros xerais e 6 específicos para menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil para seguir impulsando o emprego entre a mocidade, un colectivo prioritario para a Administración autonómica.
En canto aos obradoiros xerais saíron beneficiados os concellos de Vigo, Mos, Redondela, Cangas, O Porriño, Salvaterra do Miño-As Neves o Padroado Municipal Beiramar-Moaña e o proxecto conxunto de Nigrán, Gondomar e Baiona. En total, esta iniciativa na que a Administración autonómica investirá 3.359.591 euros beneficiará a 160 desempregados que recibirán formación e emprego en distintas especialidades, e segundo os proxectos presentados polos concellos, durante 9 meses.
Cun total de 20 alumnos en cada caso, concedeuse ao Concello de Vigo o obradoiro Vigo Capacita IV para formar traballadores en cociña e restaurante-bar. No caso de O Porriño o programa Covelo II enfocarase á atención sociosanitaria, institucións e albanelería e o Redondela Vila Bela centrarase en xardinería, agricultura ecolóxica e cantería. O Viñocultura SAN, que desenvolverán conxuntamente Salvaterra e As Neves, adicarase ao turismo e a elaboración de viños; mentres que o Mos Rehabilita formará a desempregados nas especialidades da construción e a fabricación mecánica.
Por último, á Mancomunidade do Val Miñor (Baiona, Gondomar e Nigrán) concedéuselle o Valmiemprega II, adicado ao turismo e a tecnoloxía web, e ao Padroado Municipal de Beiramar o Moaña Laboral II, centrado na atención sociosanitaria a domicilio e a xardinería, especialidades que comparte Cangas no obradoiro Granxa da Rúa II.
Os obradoiros de emprego, a través dos que os participantes reciben un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado, presentan nesta convocatoria varias novidades, entre as que destacan a ampliación da duración dos programas xerais de 6 a 9 meses. Dáse, ademais, prioridade ás localidades menos poboadas de Galicia para responder así a unha das medidas principais do Plan de formación e emprendemento no rural da Xunta.
Prímanse tamén os proxectos vinculados coa Industria 4.0 e cos sectores estratéxicos e de alto potencial da Axenda Galicia-Industria 4.0, así como aqueles que presentan unha relación co tecido empresarial do territorio. Ademais valóranse as posibilidades de inserción de cada obradoiro e a súa orixinalidade, dándose maior puntuación a aqueles con contidos innovadores, aínda que tamén se tiveron en conta os programas máis tradicionais -aqueles relacionados coa rehabilitación, mellora de espazos públicos ou atención á persoas dependentes-. Priorizáronse nesta resolución os proxectos de concellos resultantes de fusións e aqueles que se asociaron para presentar o programa.
Os obradoiros céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios recibirán formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.
Sistema de Garantía Xuvenil
A maiores dos 8 obradoiros xerais, aprobáronse outros 6 específicos para menores de 30 anos con Vigo, Mos, Cangas, Redondela e a Mancomunidade do Val Miñor como beneficiarios. O número de alumnos é de 15 en todos os casos e a duración da formación e emprego de 6 meses. A Xunta destina a este obradoiro mocidade 841.146.9 euros.
Unha vez resolta a convocatoria, agora procederase á selección dos alumnos e alumnas a través das oficinas de emprego. Terán preferencia, en xeral, as persoas beneficiarias da Renda de Integración Social de Galicia (Risga); mulleres; vítimas da violencia de xénero; menores de 30 anos; traballadores que esgotaran as prestacións ou subsidios por desemprego; parados de longa duración; maiores de 45 anos; persoas sen titulación universitaria ou de FP de grao superior; e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. Estímase que os obradoiros comecen no mes de setembro.
No caso dos obradoiros xuvenís, os participantes deberán tamén estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil e as actividades que realicen estarán relacionadas, de ser o caso, coa titulación ou formación previa que posúan. Primaranse a aqueles participantes que non recibiran atención anteriormente no programa de Garantía Xuvenil.
Os obradoiros forman parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o emprego estable e de calidade e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de polo menos 80.000 novos empregos e a creación ou conversión de 50.000 contratos en indefinidos.