Esta terá lugar o luns 14 de agosto a cargo da Agrupación Astronómica Rías Baixas nun novo punto da parroquia preparado ex-profeso para esta experiencia ao estar afastado de todo tipo de contaminación lumínica e con gran bóveda celeste. Antes e despois da xornada haberá ocasión de desfrutar de música en directo coa Banda de Gaitas de Chandebrito e dos acordeonistas de Argonat Band no Torreiro de festas, onde se porán a venda bebidas e choripanes. Os interesados en participar nesta observación (totalmente gratuíta) poden acudir directamente ao Torreiro dende ás 21:30 horas ou, se descoñecen o lugar, presentarse en coche ás 21.00 horas no Concello de Nigrán, dende onde se organizará unha saída conxunta (como novidade se habilitará o campo de fútbol da parroquia como aparcamento). Será ás 22:30 cando dende o Torreiro de festas se partirá a pé ao novo punto de observación, a menos dun kilómetro de distancia pero para o que é preciso levar lanterna, calzado cómodo e roupa de abrigo, ademais dunha manta ou toalla para sentarse no chan.
A observación das popularmente coñecidas como bágoas de San Lourenzo estará guiada por Pablo Martínez, membro da Agrupación Astronómica Rías Baixas ao que acompañarán outros seis expertos. Eles disporán no terreo de seis telescopios orientados cara a Saturno e Xúpiter para que os asistentes poidan apreciar estes planetas. «Estamos ante unha das mellores ocasións do ano para observalas, o lugar é privilexiado e as previsións son moi boas», sinala Martínez, quen fará unha breve charla introductoria ao inicio da observación e irá resolvendo dúbidas e explicando in situ o fenómeno.
O Concello de Nigrán iniciou esta actividade en agosto de 2015, reunindo xa na primeira edición a máis de duascentas persoas. Actualmente está instaurada como unha das propostas de referencia no calendario de verán, sendo unha proposta ideal para dar a coñecer Chandebrito, parroquia do interior de Nigrán con grandes atractivos naturais e que o goberno quere promocionar con este tipo de accións nas que colabora a Comunidade de Montes de Chandebrito e a Asociación de Veciños ‘O Castro’ de Chandebrito.
As perseidas toman o nome da constelación de Perseo porque debido a un efecto óptico da a sensación de que todas veñan desde ese mesmo punto. Non son estrelas fugaces, se non meteoros moi brillantes que viaxan a 59 km/segundo, deixando ás veces unha estela ao seu paso. A súa afluencia é de 100/150 á hora e o seu causante é o cometa 109 P/swift-Tuttlem, que se fragmenta cada vez que a terra cruza a súa órbita.