O repertorio da banda está composto por música orixinal dos catro compoñentes e versións de temas onde exploran os conceptos de harmonía, groove e improvisación procurando no resultado final unha capa de sons no ar que faga ao público gozar da súa presenza no palco e experiencia do concerto.
Leonor Arnaut, a pesar da súa xuventude, é sen dúbida unha das novas voces portuguesas máis destacadas. Tras formarse en guitarra clásica en Coimbra e dalgún contacto co canto lírico decide dar un viro á súa carreira e experimentar co jazz. Primeiro estuda no Hot Club de Lisboa para despois ingresar na Escola Superior de Música desta cidade onde cursa o seu último ano.
Ademais, ás 20:00 horas, na Capela do Hospital, celebrarase a mesa redonda ‘Muller e jazz’, na que se afondará sobre o papel da muller dentro deste estilo musical cunha perspectiva de xénero e na que participarán a batería e directora do Festival Imaxinasons, Lucía Martínez, a cantante Leornor Arnaut e a cantante Mónica de Nut.
Precisamente, Mónica de Nut ofrecerá un concerto-performance ‘Voz soa’ como antesala á charla. Mónica de Nut é unha das artistas máis polifacéticas e destacables de Galicia, cunha traxectoria que abrangue moito máis alá do estritamente musical: cantante de ópera, jazz, contemporánea e música galega de raíz, actriz, coreógrafa e bailarina de danza contemporánea. De Nut fourmouse en Pedagoxía Musical pola Universidade de Vigo, a sua cidade natal, está licenciada na especialidade de canto lírico na Escuela Superior de Canto de Madrid e tamén asistiu a clases de canto e improvisación na Escola Jazz Estudio de Santiago de Compostela.
Entre os seus traballos discográficos atopamos Mónica de Nut Trio, Dos Fíos Invisibles chegan as cores, co guitarrista Virxilio Da Silva, e Raíces Aéreas, a dúo co arpista Luis Martins.
Último concerto no Eirado do Costal
O último concerto do Eirado do Costal deste 2017 correrá a cargo de Ricardo Toscano Quartet unha formación das máis recoñecidas da escena portuguesa do momento. A banda está integrada por Ricardo Toscano (saxo), João Pedro Coelho (piano), Romeu Tristão (contrabaixo) e João Lopes Pereira (batería), catro artistas apaixonados pola tradición do hard bop pero cunha linguaxe propia establecida que plasmarán en breve no seu próximo disco.
Ricardo Toscano comezou a gravar o seu nome no panorama musical tras ser considerado o mellor músico portugués do 2015, con apenas 22 anos. Nos últimos anos acadou un gran recoñecemento tras pasar a formar parte do Sexteto de Jazz de Lisboa xunto co pianista Mário Laginha, ademáis de actuar co Decateto de Nelson Cascais, o Mingus Project ou nas formacións de Júlio Resende.
Dende moi novo, Toscano revisita a tradición do hard bop, bebendo de John Coltrane, Charlie Parker ou Ornette Coleman, período histórico do jazz que considera máis estimulante. A música do seu cuarteto está equilibrada entre o repertorio melodioso, a música orixinal e a improvisación libre.
Jam de clausura con Sunil López Trio
A jam session, ás 00:00 horas na Cafetería Plantaciones, será a clausura do Canjazz 2017. A banda encargada de abrir esta última velada será Sunil López Trio, formada polo pianista vigués, o contrabaixista Pablo Pérez e o batería Eloi Pascual, que ofrecerán unha combinación de temas orixinais e versións.