A campaña desenvolveuse durante os meses de xullo e agosto nos campamentos postos en marcha polo Concello de Vigo e que abrangue aos de “Verán na praia de Samil”, “Verán na praia de Alcabre”, “Verán ecolóxico en Navia”, “Verán artístico”, “Verán multideportivo”, “Verán na Casa da Xuventude”, “Verán en Coia” e “Campamento urbano nas Travesas”. Ademais, os obradoiros celebráronse no marco dos campamentos “Verán de lecer” para persoas con discapacidade. Esta actividade foi desenvolvida por FCC en colaboración con Contenur no marco de Vigo Recicla.
Os obradoiros, de dúas horas de duración, consistiron nunha primeira parte onde Dinoseto acude aos campamentos a bordo dunha unidade móbil que se converte en escenario e no que realiza unha representación teatral na que interactúa cos máis pequenos para que aprendan a importancia de Reducir, Reutilizar e Reciclar. Nesta obra de teatro, Dinoseto amosa aos rapaces como se fai unha boa separación para contribuír á conservación do medio ambiente. Para isto traballan nunha mesa de comedor con diferentes elementos que teñen que separar e enviar ao colector correspondente.
Nunha segunda parte dos obradoiros os nenos levan a cabo manualidades con material de refugallo que serán supervisadas polos monitores especialistas.
Outras campañas de FCC
Non é a primeira campaña destas características posta en marcha por FCC durante este ano. Nos meses de marzo, abril e maio, preto de 3.800 escolares de educación primaria de 43 colexios de Vigo puideron coñecer de preto o funcionamento do servizo de limpeza da cidade e a importancia de mantela limpa e como reciclar. Unha unidade móbil desprazouse aos colexios explicando aos rapaces a través de unidades didácticas e xogos nos que Dinoseto de Dinosetiño eran tamén os protagonistas.
FCC é a empresa adxudicataria dos servizos de recollida de residuos, limpeza urbana e limpeza de praias da cidade de Vigo desde 1989 e forma parte da UTE Vigo Recicla, xunto con Contenur.