O obxectivo deste evento, que se desenvolverá durante todo o sábado e domingo dende ás 11:00 horas, é por en valor os produtos pesqueiros locais máis representativos e o patrimonio cultural asociado ao mesmo. Así, os asistentes poderán degustar diferentes pratos con produtos que comercializa o pósito –arroz mariñeiro, postres caseiros, navallas, percebes, polbo, mexillóns e, como novidade, un asado de ourizos– e ao mesmo tempo se ofrece unha programación ininterrompida de ocio para todo tipo de público que inclúe exhibicións, obradoiros, xogos, actuacións musicais, unha exposición fotográfica na lonxa…
“Queremos promocionar a nosa cultura mariñeira dun xeito lúdico. A primeira edición reuniu a milleiros de persoas a Panxón, repercutindo directamente nos negocios locais, que se beneficiarán deste evento que axuda tamén a desestacionalizar o turismo, moi concentrado en xullo e agosto”, sinala o alcalde, Juan González.
Entre as actividades programadas destacan as exposicións fotográficas: unha na lonxa de Panxón sobre a pesca artesanal na costa de Baiona ou Nigrán, outra no Concello dedicada a mamíferos mariños e patrimonio natural e, finalmente, no paseo marítimo de Panxón ‘Panxón e o seu Mar’, con imaxes tomadas este ano que reflexean o día a día dos mariñeiros da zona.
Ademais, os asistentes ás xornadas festivas no porto terán a ocasión de ver acuarios con especies mariñas locais ou gozar de zona de xogos para nenos. Todo elo acompañado de actuacións de grupos folk -o sábado ás 13:00 horas actuará Virandeira e ás 21:00 horas tocará Vai Trío, mentres que o domingo ás 13:15 horas será a quenda de Os Terribles de Donas-, unha representación dunha poxa de peixe ou incluso a simulación do rescate dun golfiño como peche da programación a cargo de Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños (CEMMA).