Este ano a federación precisa un total de 34 cativos, nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 10 anos, para os pases de moda infantil. Para isto, celebrará como cada ano un casting para coñecer «aos novos talentos» da comarca e arredores.
O casting será o vindeiro día 13 de setembro na planta superior da Praza de Abastos de Moaña, ás 17:00h. «Os nenos e nenas participantes terán que amosar o seu estilo para desfilar baixo a atenta mirada do xurado, composto por membros da axencia contratada para a coordinación dos modelos. Seranlle sacadas fotografías durante a proba, na que se valorará que os pequenos se desenvolvan diante do público de xeito desenfadado», apuntan os organizadores.
A inscrición previa é obrigatoria e está aberta dende este venres ata o 10 de Setembro ou ata que se cubran as primeiras 130 inscripcions. Pode realizarse a través do formulario que se atopa na web da federación indicando os datos requeridos. O pai/nai ou titor legal deberá autorizar debidamente a participación do neno ou nena no certame.
Mentres, continúa a organización de Amodiña 2017, o gran evento de moda do Morrazo que se celebrará o 23 de setembro ás 21:00h no Palco da Música situado no Paseo Marítimo de Moaña, e do cal daremos máis datos do seu desenvolvemento en vindeiras comunicacións.