A proba, que se desenvolverá ata o domingo, nace co obxectivo de converterse nun referente en todo o territorio español a través do convenio de máis de 12.000 euros asinado coa Deputación de Pontevedra.
A Epic Race pasará por Redondela, Tui, A Lama, Pontevedra, Moraña, Vila de Cruces e Cerdedo-Cotobade. Na presentación do evento, o director da firma organizadora (Global DXT), José Victor Cimadevila, anunciou que haberá máis de cen participantes chegados dende diversos puntos de Galicia e España e valorou positivamente este dato pois “probas coma esta non son multitudinarias, teñen un público moi específico”.
Cimadevila salientou o feito de que competicións deste tipo permitan que xente de fóra poida coñecer “a macroinstalación natural que temos na nosa provincia”. “É coma facer un turismo extremo”, apuntou.
Os participantes enfróntanse a un durísimo percorrido de oito etapas pola provincia ao longo do día e da noite, desafiando os montes e gozando das paisaxes máis fermosas das Rías Baixas. O itinerario non está indicado mediante frechas, polo que o seguimento realizase lendo os datos do terminal GPS co que os participantes deben orientarse para chegar as diferentes localizacións. Os participantes poderán completar a proba en solitario ou en grupo.
Rutas populares
Por outra banda, aproveitouse esta presentación para anunciar a creación de dúas rutas populares en outubro. A primeira delas, que sairá do Parque Forestal Urbano do Pontillón do Castro e terá lugar polo entorno do monte Acival, celebrarase o primeiro día do mes. Contará cun recorrido de 29 quilómetros e cun desnivel acumulado de 700 metros. O prazo de inscrición ábrese este mércores e pecharase o 18 de setembro ou cando se esgoten as 250 prazas dispoñibles.
Mentres, a segunda terá como punto de partida a vila de Sabucedo o día 29. Percorreranse corredoiras, camiños agrícolas e poderanse visitar varias parroquias do entorno do propio Sabucedo e de Codeseda. Terá un trazado de 30 quilómetros e un desnivel acumulado de 750 metros. Tamén haberá 250 prazas dispoñibles, cun prazo de inscrición aberto entre o 2 e o 16 de outubro. A inscrición pódese tramitar a través da web da Deputación de Pontevedra.