As últimas medicións, do 6 de setembro, data na que se recibiron os resultados, apuntan a unha proporción de >1700 NMP/100ml desta bacteria fecal no caso de Area Fofa e de >2000 NMP/100ml no da desembocadura do Río Muíños. Valores superiores aos aceptables que desaconsellan o baño.
Segundo a lexislación vixente, unha vez detectado o episodio de contaminación os concellos están obrigados a comunicar á poboación a situación con carteis informativos nos que ben se prohiba o baño ou se recomende absterse deste de forma temporal por contaminación microbiolóxica.
Este panel informativo deberá completar ao cartel coa cualificación sanitaria. Ademais, manteranse as condicións adecuadas das áreas peripraieiras e exporase aos usuarios calquera outra información relevante establecida regulamentariamente.
Neste senso, a Administración autonómica advirte do elevado risco sanitario de que os usuarios se vexan afectados por cadros intestinais e/ou dermatolóxicos e insta a poboación a concienciarse das consecuencias de bañarse no areal na situación actual.
Nesta última comunicación remitida ao Concello de Nigrán, a administración autonómica lembra que, “como xa se comunicou varias veces”, de xeito permanente mentres que persista a contaminación no Río Muíños deberase prohibir o baño de maneira visible aos usuarios na desembocadura e leito do río, ata a notificación por parte da Xunta da fin do episodio de contaminación.