A primeira das cinco rutas planificadas contou coa Illa de San Simón como eixo central e cubriu todas as prazas. A visita ao Aloia, que está aberta a 50 persoas, busca percorrer «a maxia deste monte, a súa compoñente mítica recollida tanto na literatura como na sabedoría popular, será a que centre o percorrido literario», segundo destacou Xosé Leal, deputado da área de Cultura e Lingua.
«A través deste tipo de actividades o que buscamos é a colaboración máxima cos concellos para complementar as súas ofertas culturais e neste Ano do Patrimonio non podiamos deixar de lado o Monte Aloia, do que este sábado poderemos gozar a través dunha visión literaria e paisaxística entendida», salientou.
Durante a presentación da iniciativa o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, incidiu na singularidade do Monte Aloia ao asegurar que «é un espazo ambiental único, e de feito é o segundo parque natural de Galicia, e neste caso servirá para escenificar algo tan marabilloso como é a literatura».
Cabaleiro tamén afirmou que «todo Tui é literatura», e ademais da paraxe elixida tamén quixo aproveitar para poñer en valor o centro histórico da localidade engadindo que «este paseo literario se podería facer en calquera recuncho do centro».
O roteiro
O punto de saída será o lugar de estacionamento situado perante a antena de radio, case no cume do monte. A seguir, comezarase un percorrido que discorrerá pola capela de San Fins e o seu espazo murado adxacente, para baixar na procura da muralla.
Visitaranse dous miradoiros, o do enxeñeiro Areses, persoa chave na construción do parque, e o do castelo. Tamén se pasará pola cruz que conmemorou o ano santo de 1900, que permite unha visión magnífica sobre o Baixo Miño, co confronto de Galicia e Portugal e, finalmente, a un elemento fundamental do roteiro, que é a cama de San Xián, para terminar no mesmo punto que o do comezo.
A través deste percorrido o guía, o escritor Vítor Vaqueiro reflectirá as crenzas que se relacionan co culto dos montes, os corpos santos, ou os santos hidróforos, así como os rituais levados a cabo en certos lugares do monte que teñen que ver coa pedra do sol e a pedra da auga. «A obra literaria na que se basea este percorrido é a guía sobre o Aloia máxico do propio Vaqueiro», explicou Marta Dacosta.
A escritora e representante da AELG tamén deu conta do obxectivo xenérico dos paseos literarios cualificándoos como «actividades que nos permiten difundir, dunha maneira distendida e lúdica, o coñecemento sobre a literatura escrita na nosa lingua e, ao mesmo tempo, difundir o coñecemento sobre os propios escritores e escritoras».
Dacosta tamén indicou que este tipo de roteiros «amosan o noso patrimonio inmaterial desde o punto de vista literario e cultural, para comprender e amar o noso espazo». E no caso particular do Monte Aloia salientou que «ten un significado patrimonial para os galegos e as galegas extensísimo, que incluso nalgún momento se identifica co mítico Medulio, o que entronca este espazo coa raíz da nosa identidade».
O programa
Ao longo do mes de setembro e comezos de outubro terán lugar tres roteiros máis por diversas comarcas da provincia. O seguinte terá lugar en Cangas o sábado 23 de setembro. Leva por título ‘Roteiro do patrimonio da cultura mariñeira na literatura de Bernardino Graña’, e estará guiado por Héitor Mera.
O cuarto dos percorridos, que terá lugar en Cambados o sábado 30, leva por título ‘Roteiro do Centenario Da terra asoballada’. Estará guiado por Ramón Caride Ogando e centrarase na pegada de Cabanillas en lugares significativos de Cambados.
E por último, o sábado 7 de outubro, a parroquia estradense de Berres acollerá ‘Roteiro Avelina Valladares, unha muller do tempo dos Precursores’, a cargo do autor Xosé Luna Sanmartín.