Estas e outras preguntas serán os eixos temáticos dos debates sobre as consecuencias éticas da hipertecnoloxización que terán lugar no curso ‘Ethics and Technology’, coordinado polo director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións (EET), Íñigo Cuiñas e a directora xeral do INEO, Lucía Gregorio. Todas as persoas sensibilizadas coa sociedade e capacitadas para reflexionar sobre as repercusións dos avances sociais nos individuos e que posúan unha alta competencia oral en inglés poden preinscribirse nesta actividade formativa ata este luns.
A visualización de fragmentos en versión orixinal da serie británica ‘Black Mirror’ será o punto de partida dos debates, xa que, para o coordinador, o serial presenta un mundo distópico no que o uso compulsivo das tecnoloxías provocou que o colectivo destruíse á persoa individual mediante numerosas intrusións na intimidade que se admitiron como normais ou necesarias.
A partir destas situacións búscase que as e os asistentes “reflexionen sobre como están a mudar a nosa sociedade e o noso modo de vida e sobre as consecuencias que estes cambios poden ter para o futuro”, sinala Cuiñas.
Esta proposta resulta unha gran novidade nun ámbito como o tecnolóxico no que nunca se afondou o suficiente sobre as consecuencias sociais dos seus avances e innovacións. Por isto, a dirección do curso pretende, sobre todo, “fomentar a reflexión e a discusión sobre os aspectos éticos da tecnoloxía á vez que se mellora a competencia oral en inglés nun foro que xunte profesionais de empresas da contorna de Vigo co alumnado universitario” , tal e como explica Cuiñas.
A capacidade de reflexión como requisito
A iniciativa non consiste na creación dun foro sobre tecnoloxía, polo que as persoas interesadas non teñen que estar formadas nese ámbito, senón que “ deberán ter capacidade crítica e estar sensibilizadas coa sociedade e o individuo, xa que o obxectivo do curso é recapacitar sobre o futuro que vemos e o futuro cara o que queremos”, apunta Íñigo Cuiñas.
Polo tanto, poderá matricularse no curso tanto o alumnado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (EET) e as persoas traballadoras de empresas asociadas a INEO, como o público en xeral. Os únicos requisitos académicos esixidos son o título de bacharelato e un alto nivel de inglés falado.
As sesións do curso terán lugar todos os venres lectivos entre o 27 de outubro e o 15 de decembro entre as 15.30 e as 18.00 horas. A matrícula, dispoñible en liña a partir do día 1 de outubro tras ter formalizada a preinscrición, ten un custo de 50 euros coa posibilidade de obtención dunha bolsa que cubra estes gastos.
As 20 prazas dispoñibles adxudicaranse por orde de inscrición; delas garántese que, 8 estarán destinadas ao alumnado, outras 8, aos asociados á INEO e as 4 restantes quedarán á disposición do público.