Os labores devolverán á finca, de preto de 4.000 metros cadrados e que linda coa EDAR, ao seu estado orixinal antes de que remate o ano por un importe total de 54.450 euros asumidos con fondos propios do consistorio mediante unha modificación de crédito. As toneladas de entullos serán clasificadas e recibirán o seu correspondente tratamento conforme á propia lei dita.
«Co desentullo e restitución desta parcela ao seu estado orixinal e pago da multa este goberno pecha un dos capítulos máis lamentables da política ambiental do Concello», resume o edil de Medio Ambiente, Diego García.
Así, o Concello de Nigrán abonou o pasado 27 de agosto os 15.000 euros de multa que interpuxo a Consellería de Medio Ambiente a tenor do expediente iniciado en abril de 2013 polo Seprona. O anterior goberno do PP fixera un requirimento contra esta resolución de sanción do 28/01/2015 que obrigaba a pagar os 15.000 euros por unha infracción tipificada como grave, desestimándose este recurso o 22 de maio de 2017 e abonando a mesma o actual goberno o pasado 27 de agosto.
Foi o Seprona quen iniciou unha denuncia en abril de 2013 e quen neste informe que recolle a propia resolución da multa fai fincapé que dende o Concello «infórmasenos que estes entullos os deposita o propio Concello e que a súa procedencia son as distintas obras que este está realizando así como o desbroce e poda e limpeza dos seus parques e xardíns». Realidade que posteriormente volve a recoñecer o anterior responsable do PP de Vías e Obras segundo recolle a ampliación de denuncia do Seprona o 22/11/2014.