A xornada terá lugar entre as 10:00 e as 19:00 horas na sede da delegación (rúa Doutor Cadaval, 5). O seu presidente, Antonio Davila, que inaugurará a sesión, explica que o evento celébrase para aproveitar o momento de indefinición urbanística da cidade, que nos últimos tempos sufriu unha anulación do novo PXOM e a entrada en vigor do antigo planeamento.
Davila indica que a actividade está pensada desde un punto de vista técnico, “pero cun trasfondo social para que a cidadanía viguesa interesada na situación urbanística da súa cidade poida asistir como público”.
Na xornada falarase dos antecedentes históricos do urbanismo da cidade. O arquitecto José Luis Pereiro Alonso fará un percorrido desde principios do século XX da evolución histórica do funcionando do planeamento urbanístico de Vigo.
O resto de relatores ofrecerán visións parciais e temporais do urbanismo vigués ata a actualidade e con proxección futura, recollendo no só a situación do casco urbano, senón da área metropolitana e a conexión coa ría de Vigo.
Intervirá o xeógrafo e historiador, especialista en territorio e urbanismo, Xosé Manuel Souto González, co relatorio “A explicación histórica da organización territorial en Vigo”. Segundo Souto, as claves para entender o proceso histórico son basicamente dúas: o papel dos axentes sociais do planeamento (promotores, propietarios, construtores, arquitectos, concelleiros, axentes da propiedade) coas suas concepcións do planeamento e ordenamento do medio, é dicir, o chamado espazo concebido; e os sentimentos e emocións dos veciños, que desde o espazo vivido queren valorar o territorio que se vai construíndo, ofrecendo resistencias a certos cambios e reclamando melloras en equipamento e infraestructuras.
As claves para entender o proceso histórico da ordenación territorial son o espazo vivido e o percibido, e no caso concreto de Vigo aparecen as representacións sociais do rural, do mar e da industria sobre o proceso de construción inmobiliaria. Vigo é a simbiose de moitas influencias e por iso é moi difícil o seu ordenamento” –sinala–. Souto profundará con exemplos da vida diaria nestes conceptos fundamentais para entender o territorio municipal.
A continuación, será a quenda do arquitecto Javier Rivas Barros coa conferencia “Plan 2008. Xénese e desenvolvemento”; o arquitecto Antonio Alonso Fernández que falará sobre “A cidade da ría de Vigo (1900-2010) e o planeamento”; e a concelleira de Urbanismo, María José Caride Estévez, que analizará a “Situación do urbanismo en Vigo”. Finalmente, a xornada pecharase cunha mesa redonda, moderada por Antonio Davila, e na que participarán todos os relatores, ademais do xerente de Urbanismo de Vigo, José Carlos Hernández Figueruelo.