A mostra está composta por 18 maquetas de barcos, de diversos tamaños e con diferentes tipoloxías, e 13 paneis explicativos. “A Deputación está comprometida coa recuperación das nosas tradicións, tan ligadas ao mar, e súmase con esta iniciativa ao enorme esforzo que realizou o Concello de Vigo de recuperación das embarcacións tradicionais ao través de numerosos proxectos. Un pobo ten futuro se é capaz de poñer en valor a súa historia e tradicións e sobre todo á xente do noso mar”, subliñou Silva, que destacou que “Vigo é una cidade eminentemente mariñeira, a cidade líder da pesca mundial que estes mesmos días se está a celebrar Conxemar, que mostra moi claramente a nosa potencialidade”.
“Somos una administración provincial que quere mirar ao futuro , á modernidade, á innovación, á pesca sustentable e para iso temos que lembrar o noso pasado, aquelas embarcacións e aqueles homes e mulleres do mar que nos deixaron as súas artes e que forman parte do mellor da nosa historia. E por iso, estou encantada de que aquí, en Bouzas, berce do sector pesqueiro vigués, se realice este acto de posta en valor de todas estas embarcacións tradicionais”, dixo a mandataria provincial.
Pola súa banda, o deputado Xosé Leal destacou que a exposición chega a Vigo tras o periplo por diferentes vilas grazas á Asociación de Mariñeiros Artesanais e Deportivos San Miguel de Bouzas, que definiu como “unha das asociacións máis dinámicas da provincia e que, ademais, aportou boa parte das maquetas da mostra para que fosen expostas en Combarro, Bueu, Illa de Arousa e O Grove”.
“O patrimonio marítimo ten sempre vixencia e debemos promovelo con accións que leven ao pasado e fagan ver a evolución que se deu ata os nosos días. É un patrimonio vivo que ademais de velo aquí a escala podemos gozar del no mar grazas ás asociacións de embarcacións tradicionais”, subliñou Leal.
O nacionalista tamén explicou que a mostra de ‘Fasquías’, para poder chegar ao grande público, está completada por unha pequena publicación que leva por título ‘Que embarcación é? Guía de embarcacións tradicionais de Galicia’ editada institución provincial, en colaboración con Culturmar e A Citania. Esta guía recolle unha vintena de embarcacións tradicionais tanto de río como de mar e que son as máis comúns nas exposicións e nos encontros deste tipo. Inclúe ademais un glosario mínimo sobre as diferentes partes das embarcacións, os tipos de velas, e a tradición dos carpinteiros e das carpinterías de ribeira.
Na presentación da exposición na tarde de hoxe en Vigo participaron tamén Víctor Fernández, representante da directiva de Culturmar (Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial); Ramón Vázquez, presidente da Asociación de Mariñeiros Artesanais e Deportivos San Miguel de Bouzas e Braulio Puga, membro da asociación. Os asistentes puideron gozar da actuación de Xurxo Souto ‘Océano para terrícolas’.