Este ano presentáronse 58 proxectos -21 propostas executadas na demarcación da delegación de Vigo, 19 na de Pontevedra e 18 na de Ourense- de diversas escalas e localizacións que buscan converterse en oportunas reivindicacións da profesión, axudando a mellorar o contorno e a modo de vehículo de comunicación para transmitir a cultura arquitectónica á sociedade.
O xurado elixiu once premiados, entre os que se atopan a nova depuradora de Vigo, de Cendón-Vázquez arquitectos SCP; a reestruturación de catro vivendas do Casco Vello, a cargo de Eva María Castro Álvarez; o proxecto de piscina y urbanización exterior da Finca das Rozadas, en Nigrán, ideado por Severo Fernández Castro; e a Casa Albor de A Guarda, deseñada por Jordi Pérez Castro e María González Ferro (ver imaxes na galería inferior).
Á hora de decidir os premios valorouse a totalidade dos proxectos presentados e os aspectos concretos que aportan un carácter ou valor singular pola súa tipoloxía, innovación tecnolóxica, baixo custo ou implantación no territorio.
En xeral, desde a organizan salientan que “as candidaturas, que destacan polo seu alto nivel, dan resposta ás necesidades da sociedade e reflicten un compromiso dos autores e demais axentes involucrados no proceso construtivo coa arquitectura responsable. Amosan que a arquitectura é posible e próxima, e representan á mellor obra arquitectónica do sur de Galicia”.
O xurado estivo composto polos presidentes das Delegacións de Ourense, Pontevedra e Vigo do Colexio de Arquitectos, Alberto de Paula, Manuel Abelleira e Antonio Davila, respectivamente; por un colexiado de cada delegación a seleccionar pola súa Xunta Directiva, Pedro Diéguez por Ourense, Sara Besada por Pontevedra, e Manuel Martínez por Vigo; e a arquitecta Sonia López premiada na edición anterior, e a secretaria da delegación ourensá Emma Noriega.
O acto de entrega de diplomas celebrarase o 20 de outubro ás 19:00 horas no Liceo de Ourense para os arquitectos, promotores, construtores e aparelladores das obras distinguidas. Este acto complementarase coa organización dun ciclo de conferencias impartidas polos premiados, durante os meses de outubro e novembro na cidade ourensá.