Todos os interesados en visitar a exposición do Pergamino Vindel ubicada no Museo do Mar deben aboar 3 euros, segundo criticou esta mañá o rexedor quen asegurou descoñecer esta información o día que foi inaugurada a mostra, o pasado día 10 de outubro. Unha vez coñecido este cobro, o rexedor esixiu á Xunta a gratuidade do acceso a unha mostra que permitirá aos vigueses reencontrarse coa carta fundacional das súa cultura e da súa lingua. Na súa opinión, a Xunta engana aos vigueses asegurando que a mostra é de balde, ao tempo que esixe 3 euros para acceder ao museo. Trátase dun eufemismo para poder cobrar entrada, dixo, lembrando que en Vigo o acceso a todos os museos municipais é de balde.
En resposta a Abel Caballero, a Xunta sinalou que «en primeiro lugar, cómpre aclarar que non se cobra entrada para a mostra» e que a norma é que as exposicións temporais do Museo do Mar de Galicia custen dous euros. «Neste caso, non hai que facer ningún pagamento», engade a Xunta tras explicar que o que teñen que aboar os visitantes é a entrada que dá acceso ás instalación do Museo do Mar de Galicia e que é de 3 euros (en réxime xeral) ou de 1,50 euros (a tarifa reducida que se lle aplica a estudantes, xubilados, desempregados, grupos de más de 10 persoas e menores de 18 años). Ademais, todas as visitas de centros educativos galegos son gratuítas.
«Finalmente, o pagamento polo acceso ao Museo foi fixado por un acordo tomado polo Padroado do centro no que, cómpre recordalo, está representado o propio Concello de Vigo», apunta a administración autonómica. Ignacio López-Chaves, delegado da Xunta en Vigo, explicou que “se fora por Caballero, o Vindel nunca houbera vido a Vigo, que deixe de desprestixiar e empece, por variar, a facer algo en positivo para a cidade. Ou o concello non cobra, por exemplo, polo zoo?».
“É evidente que o Museo do Mar non está baleiro. O alcalde debería de deixar de correr cortinas de fume e arranxar a cultura en Vigo, cuxa situación é moi grave, estaría ben que deixase de dar leccións os demáis e se preocupase coa mesma intensidade polo Marco ou o Verbum”, indicou López-Chaves.