Carmela Silva referiuse expresamente á moción de censura de Tui. “É o caso máis grave porque se fai contra un goberno que veu a cambiar a política vergoñosa, arbitraria, escura e sen proxecto para Tui, onde o actual alcalde e o seu goberno demostraron que hai outra forma de facer política xestionando con escasos recursos, porque a Xunta non investiu nin un euro, e con máis proxectos, propostas e ideas que houbo nunca. O goberno de Tui non só funcionaba ben, facíao extraordinariamente ben. Tiñan un proxecto para Tui, cousa que nunca tivo o PP, eran limpos e transparentes, dixo a presidenta, algo que tampouco definiu a historia dos gobernos do PP neste concello”
Silva sinalou que, en todo caso, a moción de Tui marca o estilo habitual de Alfonso Rueda de facer política. “As mocións de censura son legais pero todas as que puxo en marcha Rueda son ilexítimas e carroñeiras. No caso de Tui tennos que explicar que é iso de que hai un documento asinado, porque o próximo alcalde, o que sairá da moción de censura, dixo que esta moción prodúcese porque o señor Tourís prometeu investimentos da Xunta en Tui. Que nos explique Rueda como se chama iso, e que lle parece iso?, engadiu. Foi el o que permitiu que se asinara ese documento que di o que vai ser próximo alcalde que ten asinado?, preguntou Carmela Silva. Eu estou segura que si, que Rueda foi o promotor dese presunto acordo que existe asinado. Non considera Rueda que iso é un delito ou un case delito?, ou polo menos unha vergoña política incualificable?. Detrás da moción de Tui hai tantas explicacións que ten que dar Rueda, que isto quedará para sempre na súa folla de ruta como un sinal máis negro, escura e vergoñosa. Iso é o que é Alfonso Rueda e como actúa”, asegurou.
A presidenta provincial terminou asegurando que “como responsable política avergóñome de ter un Vicepresidente da Xunta que nos seus despachos acorda mocións de censura en lugar de acordar políticas que melloren a vida da xente. É a isto ao que se dedica Alfonso Rueda, pero que saiba que Tui volverá ser gobernada por un socialista que demostrou ser un gran alcalde, que saiba que non van recuperar o goberno da Deputación, que o teñen perdido, que por máis mocións de censura que faga, acordadas nos despachos, non van volver a gobernar a Deputación de Pontevedra, porque a xente xa aprendeu que hai outra forma de gobernar, pensada para a xente e non no caciquismo aos que nos ten afeitos Alfonso Rueda e os seus acólitos”.