Font lembrou que “a cidadanía sabe que gobernando Zapatero e Emilio Pérez Touriño puxéronse sobre a mesa 53 millóns de euros despois dos lumes de 2006, e que soamente esas administracións achegaron recursos. Por iso, engadiu o portavoz provincial, ímoslle a esixir á Xunta e ao Goberno de España que poñan en marcha todos os recursos que sexan necesarios para salvagardar o patrimonio das veciñas e dos veciños, para que o poidan recuperar, pero tamén os nosos montes e bosques”.
O deputado criticou que “a día de hoxe a Xunta aínda non nos dixo que medidas vai tomar para facer fronte ás terribles consecuencias que sufriron os nosos montes. ¿Van facer algo para evitar a erosión das terras produto destes terribles incendios?; ¿tomaron a decisión do que van facer fronte á erosión?. Font insistiu en que aínda non lles escoitamos dicir nada, o único que fan é tirar balóns fóra, pedir responsabilidades a quen non as teñen, aos alcaldes, que frearon os lumes en primeira persoa, e agora á presidenta da Deputación. O portavoz do Goberno provincial volveu a denunciar que “mentres o Vicepresidente da Xunta non facía ningunha chamada a ninguén, a Presidenta da Deputación falou con todos os alcaldes, de todos os partidos políticos, que tiñan incendios do nivel 2, falou unha ducia de veces coa conselleira e estivo cos veciños e coas veciñas. E… ¿onde estaba Rueda? “Non nos imos a calar. Imos denunciar e imos esixir. Imos ir pobo a pobo para dicirlle á cidadanía que a Xunta de Galicia non está a tomar o liderado de facer fronte ás consecuencias dos incendios. A todos os pobos imos ir, imos reunir con todos os alcaldes”, engadiu
O deputado tamén criticou o comunicado do Secretario de CCOO na Deputación de Pontevedra, José Ramón Piñeiro. “O señor Piñeiro converteuse no portavoz do PP e na voz do seu amo, dixo Font. No ano 2006 ninguén escoitou ao señor Piñeiro saír a pedir recursos á Deputación de Pontevedra e o número de hectáreas queimadas triplicaba ás actuais. ¿Cal é a diferenza? ¿A que se debe?, ¿que lle debe o señor Piñeiro ao PP e ao señor Louzán?. Realmente agora sabemos que antes había un goberno do PP que tiña máis deputados dos que realmente tiña, porque tamén tiña a un deputado na sombra que era o señor Piñeiro de CCOO”, sinalou.
Carlos López Font finalizou dicindo que “o señor Piñeiro coas súas declaracións está a facerlle o caldo de cultivo a unha administración autonómica e estatal que son realmente as responsables da política forestal e da situación que viviron todas as galegas e galegos, pontevedresas e pontevedreses. Con isto quere lavarlle a cara a unha administración que leva moito tempo sen tomar as medidas necesarias para loitar contra o cambio climático e a situación dos bosques en Galicia. Xa se pode sentir contento o PP, engadiu o deputado, que ten un brazo armado en CCOO”.