Dende o Concello de Nigrán lamentan a actitude do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen onte culpou aos concellos afectados como Nigrán e Baiona de non teren asinado un convenio de colaboración que facilitaría labores preventivas e de defensa forestal. «A proposta de convenio que a Xunta fixo a Nigrán é do 7 de abril de 2014, cando gobernaba precisamente o PP», subliña o rexedor, Juan González. En calquera caso, reitera que é o momento de «traballar conxuntamente e non de pelexar». «Non buscamos crear polémica, se non medidas que garantan que esta situación non se repita. Agora mesmo precisamos que a Xunta colabore de verdade e nos facilite técnicos mediambientais e forestais, o certo é que de momento non temos ningunha axuda», insiste.
Dende o Concello de Nigrán se traballa actualmente para tramitar a declaración de zona catastrófica e na creación dun comité científico que avalíe o territorio afectado e dé as pautas para recuperar a masa forestal. «Temos centos de ofrecementos de grupos de voluntarios de toda España e veciños aos que agradecemos infinitamente a súa xenerosidade pero primeiro hai que analizar a situación e despois tomar as medidas precisas, de momento non é convinte nin sequera pisar o terreo queimado. Sen dúbida que precisaremos moita axuda, e cando así sexa o faremos saber a todos», sinala o rexedor. Compre sinalar ao respecto que as dúas familias afectadas pola queima da súa casa no municipio de Nigrán están realoxadas e teñen cubertas as súas necesidades básicas grazas á xenerosidade de todos.
Paralelamente, o Concello de Nigrán anuncia a creación dun equipo municipal co alcalde e a Concellería de Medio Ambiente ao fronte que se ofrecerá para tramitarlle aos veciños tódalas axudas que xurdan ao respecto dende os diferentes organismos. «De momento a Xunta anunciou que dará axudas, pero non está aberta a convocatoria, que ninguén se preocupe que informaremos a tódalas entidades e veciños», engade.
Ao longo desta semana o Concello de Nigrán repartiu máis de 70.000 litros de auga nas parroquias de Chandebrito e Camos, onde ademais se encargou a unha empresa o análise inmediato das máis de 30 fontes e mananciais da parroquia para que certifiquen se siguen sendo potables. O incendio destruiu canalizacións de traídas comunáis e mesmo dos seus depósitos, motivo polo que os veciños de Chandebrito e boa parte dos de Camos non teñen actualmente auga, xa que nesta zona non hai abastecemento municipal. Grazas as empresas concesionarias Aqualia e Cespa estanse a trasladar con camións motobomba auga aos depósitos, paralelamente o Concello repartiu máis de mil litros en botellas de auga, hoxe mesmo descargáronse dúas furgonetas no Centro Cultural A Camoesa para distribuír entre as familias que o precisen.
«A ola de solidariedade recibida foi inmensa, estamos moi orgullosos de tódolos veciños pola súa axuda tanto na loita contra o lume como despois axundando no pavillón aos afectados, entre todos conseguimos que esta traxedia non fose aínda maior do que xa é», conclúe o alcalde.