Con esta iniciativa dá comezo a programación de actividades deseñada pola Xunta de Galicia para acompañar a mostra ‘Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas’, que se exhibe desde o pasado 10 de outubro e ata o próximo 4 de marzo de 2018 no Museo Mar de Galicia, en Vigo.
A presenza do mar de Vigo nas composicións codacianas é a motivación da que parte este ciclo de oito travesías, que leva por título o verso co que comeza a primeira das sete cantigas de amigo que recolle o Pergamiño Vindel. As viaxes inícianse o 28 de outubro e prolongaranse nas seguintes fins de semana ata o 19 de novembro. Os percorridos desenvolveranse os sábados e domingos de 16:00 a 19:00 horas e saen desde o peirao do Museo do Mar de Galicia.
Durante o traxecto, cunha duración aproximada de tres horas, un guía explicará o valor natural e paisaxístico, así como a historia, dos principais enclaves do espazo costeiro e mariño da ría de Vigo. O punto de partida e de chegada é o peirao do Museo do Mar de Galicia, en Alcabre, onde se exhibe a mostra ‘Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas’.
A enseada de San Simón, declarada Zona de Especial Protección dos Valores Naturais e integrada como Lugar de Importancia Comunitaria na Rede Natura 2000; o estreito e a ponte de Rande, o Centro de Interpretación do Patrimonio Cultural de Rande, coñecido como Museo Meirande; e as illas de San Simón e San Antón centran o contido das travesías, promovidas pola Secretaría Xeral de Cultura.
As persoas interesadas en participar nas viaxes, que son gratuítas, deben inscribirse previamente chamando ao teléfono 620 864 052.
Un tesouro literario e musical
As sete composicións de Martín Códax que transmite o Pergamiño Vindel son o único testemuño que se conserva das cantigas de amigo acompañadas da súa notación musical e son tamén a copia máis antiga deste xénero, xa que o manuscrito está datado a finais do século XIII, polo tanto, é contemporáneo da época na que se desenvolveu a lírica trobadoresca galego-portuguesa.
Pola contra, os outros dous códices que tamén reúnen estas sete cantigas –o da Biblioteca Nacional de Lisboa e o da Biblioteca Vaticana– son copias posteriores, realizadas en papel a comezos do XVI por encargo de Angelo Colocci.
Máis de 3.000 persoas xa visitaron a exposición
Coa exposición Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas, a Consellería de Cultura e a Universidade de Vigo exhiben por primeira vez ao público esta xoia da literatura galego-portuguesa e tamén universal, que se acompaña de máis de 50 pezas artísticas medievais para contextualizar a época de creación das cantigas, así como de obras contemporáneas cuxa creación foi inspirada por este universo poético ou polo propio mar de Vigo.
Pinturas, documentos, esculturas, obras en madeira, elementos arqueolóxicos e obras de carácter sacro e profano, entre outras, conforman unha exposición única que, desde o pasado martes 10 de outubro, xa foi visitada por máis de 3.300 persoas. As visitas escolares comezaron o 17 de outubro e a cifra de reservas realizadas polos centros educativos para ver a mostra durante os próximos meses ascende a 356.