A xira arrancou en Vigo, con pases no mercado de Bouzas, na praza da Princesa e diante do Marco. Os pases tiveron, segundo explica o vicerreitor no Diario da Universidade de Vigo (Duvi), moi boa acollida entre o público, que en todo momento se amosou moi participativo.
“A min de feito sorprendeume a gran cantidade de persoas que aínda non sabían da presenza en Vigo do Pergamiño e que agora queren ir velo, polo que penso que esta idea complementa moi ben o resto de cousas que se están a organizar arredor desta visita”, recalcou Fernández Iglesias, que insistiu na idea de que “o máis importante é dar a coñecer ao público que temos esta peza aquí en Galicia”.
Tras o arranque en Vigo, a actividade continúa por en Baiona con varios pases no mercado de Sabarís. O venres chegará a Cangas, o sábado na praza de abastos Vilagarcía e o domingo na praza do Concello de Carballo. Xa en novembro, o día 2 visitará Tui, o 3 Verín, o 4 Ribeira, o 5 Pontevedra… así ata finais de decembro.
Visitaranse un total de 22 localidades repartidas polas catro provincias galega, incluídas as catro capitais de provincia e lugares como Ferrol, O Barco de Valdeorras, Monforte, Viveiro, Redondela, Lalín, Carballiño, Verín…
Cada actuación consiste en tres pases nos que o cego e a guía interpretan tres cantigas cun panel detrás ilustrado por Luis Davila. “A idea é ser quen de levar por diferentes lugares o espírito trobador que tan ben representan as cantigas de Martín Códax e animar a xente a visitar a exposición”, recalcou o vicerreitor.
Nos 200 metros cadrados especialmente habilitados no Museo do Mar para a exposición, titulada ‘Un tesouro en sete cantigas’, amósanse medio cento de obxectos, na súa maior parte procedentes de igrexas, museos e coleccións privadas de Galicia, entre os que destacan, ademais do propio Pergamiño Vindel, os fragmentos dunha copia en galego das Sete Partidas de Alfonso X O Sabio, un texto xurídico coetáneo do Pergamiño; así como capiteis, relicarios, réplicas de instrumentos musicais inspiradas nas esculturas do Pazo de Xelmírez e do Pórtico da Gloria, peites ou unha gran talla románica de Cristo crucificado.