Antes descubriuse unha placa na entrada ao camposanto co nome en galego do cemiterio, ao que tamén se lle engadiron nomes ás rúas, todos eles en galego. O acto, ao que acudiu a súa filla Eulalia Veiro e demais familia, estivo aberto á participación de toda a veciñanza. Este Día de Restauración da Memoria Lingüística está promovido pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, sumándose o Concello de Nigrán por vez primeira na súa historia en 2015, cando se homenaxeou ao mestre republicano fusilado José Vázquez Grela e en 2016 ao escritor Carlos Casares (os dous enterrados no Cemiterio Municipal de Nigrán).
«As lápidas dos camposantos galegos demostran a renuncia dos galegos polo seu idioma: prefiren lembrar aos seus defuntos nunha lingua que non falan no ámbito familiar. De feito, só unha minoría consciente exerce a galeguidade no ámbito da esfera individual e familiar. Os datos son elocuentes: só unha de cada mil lápidas está escrita en galego; e unicamente un 2% das necrolóxicas publicadas nos xornais está redactada no noso idioma», apunta o Concello..
O rexedor, Juan González, amósase especialmente orgulloso de homenaxear e recordar a figura de José Veiro, falecido en 1995 aos 88 anos e ao que lle adica moitas páxinas do seu libro ‘Nigrán. Memoria dunha Guerra 1936-1939’. “Era unha persoa comprometida socialmente, sufriu calamidades durante os anos que andou fuxido e logo na cadea, sen embargo, foi capaz de perdoar, retomar a súa vida e reconciliarse con moitas amizades do bando franquista, era moi querido. Por todo elo, dende o goberno de Nigrán quixemos aproveitar este acto de restauración da memoria lingüística para recuperar tamén a memoria histórica dos nosos veciños inxustamente represaliados polas súas ideas”, defende González.
José Veiro Guisande (Vilariño, 1907)
Natural de Nigrán (Vilariño), José Veiro era un coñecido labrador de esquerdas en Parada, onde fixo a súa vida coa súa muller Saladina Vidal. Pertencía ao Sindicato de Agricultores e quedou sinalado polos falanxistas nun concorrido mitin que deu na Ramallosa. Trala Guerra Civil andou escondido no monte e entre casas de veciños ata que o cerco sobre el aumenta e decide esconderse coa axuda da súa muller nun minúsculo burato tapado con palla e millo, feito a escasos metros da súa casa, baixo unha nogueira. Alí pasou máis de tres anos, sen sequera os seus fillos pequenos, que xogaban sempre moi preto do buraco, ter coñecemento. «Un día o miramos subir a unha maceira e corremos a contarlle ao avó que alí había un home, nin o recoñecemos, a nos dixérannos que marchara para América. Incluso ás veces, polas noites, mentres durmíamos viña á casa e falaban, pero a nos dicíannos que soñaramos, que non viñera ninguén», recorda Eulalia Veiro, a súa filla, que actualmente ten 86 anos.
Durante este tempo no buraco a súa muller facía que lle levaba comida ao can para realmente darlla a el, e foi nunha desas cando os gardas agochados nunhas viñas descubriron a realidade. ‘O Veiro’ fuxiu correndo, pero trouxeron máis gardas encabezados polo cabo Pena e finalmente o colleron despois de que, practicamente rendido, asubiase e gritase con tódalas súas forzas «¡Yo soy el Veiro!».
Tras sometelo a terribles malleiras no cuartel de Baiona, ‘o Veiro’ foi trasladado ás cadeas de Ferrol, Escollera ou a illa da Gomera. «Cando volveu non era el», di Eulalia, que non puido retomar a escola por ser «filla dun roxo». Pese a todo, José Veiro puido regresar ao traballo no campo, retomar a súa vida e incluso facer grandes amizades con destacados franquistas da comarca. Morreu en 1995, aos 88 anos, sendo un veciño moi querido por todos.