A App de UVigo inclúe acceso a información útil para os integrantes da comunidade universitaria, permitindo consultar as materias matriculadas e o expediente académico, ao tempo que incorpora a Tarxeta Universitaria Intelixente (TUI) na súa versión dixital, a través da que é posible renovar libros nas bibliotecas.
Así mesmo, a aplicación facilita a creación de grupos para falar con compañeiras e compañeiros e docentes e a posibilidade de participar en retos, xogos, concursos, así como o acceso a vantaxes exclusivas da comunidade universitaria.
Coa posta en servizo desta plataforma móbil Crue Universidades Españolas, entidade impulsora do proxecto a escala nacional, pretende crear un modelo de relación innovador mediante unha App, que pode ser personalizada por cada universidade que desexe usala, en función das súas necesidades.
Como instalar a aplicación no móbil
As persoas que desexen dispoñer da plataforma móbil personalizada no teléfono deben instalar a aplicación no dispositivo dende as tendas de aplicacións oficiais (Android: https://play.google.com/store/apps/details?id=net.universia.uvigo e iOS: https://itunes.apple.com/es/app/universidade-de-vigo/id1244671022).
Igualmente, para acceder á área restrinxida as e os usuarios deberán identificarse co seu número (NIF/NIE/Pasaporte) e o contrasinal de acceso á Secretaría Virtual. Ademais, no enderezo https://secretaria.uvigo.gal/uv/web/axuda/faq/15 as e os usuarios da App teñen respondidas as preguntas máis habituais, mentres que as dúbidas máis específicas poderán consultalas dende a propia aplicación.