Este contrato, ao que se presentaron 17 firmas, responde ao acordo de colaboración asinado entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a AXI, dependente da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, para a realización destas actuacións, que permitirán incrementar a superficie do recinto en 5.000 metros cadrados, o que garante a continuidade de importantes ferias que precisaban de máis espazo, como é o caso de Conxemar.
A adxudicataria conta, unha vez se asine o contrato, cun prazo de 24 semanas para a realización das obras, que se executarán na parcela na que se sitúa o actual recinto feiral e noutra lindante con ela, duns 3.000 metros cadrados, que o Concello de Vigo puxo a disposición da Xunta de Galicia para poder levala a cabo.
Estas melloras, cun orzamento final de 3,2 millóns de euros, permitirán abrir novas oportunidades de negocio, beneficiando así ao conxunto do tecido económico empresarial tanto da comarca como de Galicia, e a sectores estratéxicos como o pesqueiro, o conserveiro ou o naval. Calcúlase que a ampliación terá un impacto nos sectores hoteleiro e hostaleiro de Vigo de máis de dous millóns de euros ao ano.
As obras dan continuidade aos traballos xa realizados por parte da Xunta. Deste xeito, a Administración galega levará investidos ao redor de 15 millóns de euros desde 2005 na modernización e mellora do recinto feiral.