O prazo de inscrición para participar no Concurso de Beléns de Afundación permanecerá aberto ata o vindeiro 17 de novembro e poderá participar calquera persoa ou colectivo, podendo presentar só un belén por cada inscrición. Para a elaboración das obras pódese utilizar calquera tipo de material e deberán montarse sobre unha superficie ríxida dun metro por cada lado.
Un xurado valorará cada belén prestando especial atención á confección das figuras, a composición do conxunto, a orixinalidade, a unidade de estilo, o grao de dificultade e execución. En función da suma da puntuación acadada en cada unha destas categorías repartiranse os premios, tres individuais e tres colectivos, e ata un máximo de 10 accésits. Ademais, este ano como novidade inclúese unha nova categoría de galardón, o Premio do público que será outorgado mediante unha votación, aberta ata o 27 de decembro, na páxina da rede social Facebook de Afundación. Todos os nacementos presentados ao concurso expoñeranse ao público na Sala de exposicións do Teatro Afundación de Vigo (rúa Reconquista, s/n) do 14 de decembro ao 6 de xaneiro.