“Este orzamento –asegurou Silva- resume con claridade as grandes liñas do goberno da Deputación de Pontevedra, un goberno cun proxecto global de provincia baseado na igualdade, en máis equidade e dereitos, na aposta pola sustentabilidade e mobilidade racional, no tratamento axeitado dos residuos, no compromiso coa cultura e cos sectores produtivos da provincia co obxectivo de construír unha sociedade avanzada baseada no respecto á autonomía local”.
Así, para acadalo, está previsto que o orzamento do 2018 roce os 157 millóns de euros que, se se conta o presuposto consolidado, é dicir, se inclúe a Escola Universitaria de Enfermaría e o Consorcio Provincial para a Prestación do servizo contra Incendios e Salvamento, ascende a 159,5 millóns de euros.
Antes de desagregar o contido do orzamento para o vindeiro ano, Silva fixo fincapé en que “unha vez máis, teño que dicir que por terceiro ano consecutivo non existe nin un céntimo de euro de libre disposición para a Presidencia, algo que non acontecía no anterior goberno provincial”.
Como cifras relevantes, a presidenta da Deputación de Pontevedra puxo en valor os investimentos dirixidos directamente aos concellos. Así, explicou que o “Plan Concellos 2018” medrará ata chegar aos 42 millóns de euros, é dicir, un 2% máis que no 2017, cando se situou nos 41,2 millóns de euros.
Ao respecto Silva recordou que “como xa lles anunciamos fai unhas semanas, na liña 1, de investimentos, do Plan Concellos imos garantir 30 millóns de euros do 2019, no marco do plan plurianual 2018/2019, para que os concellos poidan desenvolver investimentos máis ambiciosos e destinar recursos, entre outras cuestións, aos danos producidos polos incendios”.
A estas achegas do “Plan Concellos 2018” hai que engadir un millón de euros máis a disposición dos concellos a través dos anticipos sen xuros e sen comisións que, segundo informou Silva, “tamén están destinados a financiar investimentos e se asinan en concorrencia entre os concellos que o precisen”.
Outra das achegas dirixidas a proxectos dos concellos correspóndese co “Plan de reequilibrio territorial”, ao que se destinan máis de 2 millóns de euros que, tal e como adiantou Silva, se verán incrementados cos remanentes a principios do ano 2018.
A estes dous millóns hai que engadir os 6 millóns de euros que se aprobarán no pleno do venres 24 de novembro e que forman parte do “Plan de reequilibrio territorial” a través do cal se destinan 8 millóns de euros a 25 concellos da provincia que “presentaron proxectos sólidos, consolidados, aprobados e cumpriron coas bases do plan”, en palabras da presidenta.
En canto á sustentabilidade do medio natural, o orzamento do 2018 inclúe 2,7 millóns de euros para programas de protección e desenvolvemento agrogandeiro e pesqueiro, así como recursos para a mellora e protección dos nosos montes, xa que, tal e como manifestou Carmela Silva “un dos problemas máis graves que temos na nosa terra é a xestión dos montes”.
Amais, dentro deste apoio ao medio natural, a presidenta da Deputación de Pontevedra tamén informou que se van achegar 4 millóns de euros para o tratamento e xestión de residuos e se incrementará ata o 7% o gasto en Mouriscade e en Areeiro.
Emprego
Pola súa banda, a partida en materia de emprego e actividade económica increméntase nun 8,72%, con 4,12 millóns de euros para actividades de fomento do emprego aos que hai que engadir os 9,5 millóns da liña 3, de emprego, do “Plan Concellos 2018”. Neste eido, tamén se vai incrementar nun 5%, con respecto ao 2017, o apoio á actividade económica, destinando máis dun millón de euros a SmartPeme, 340.000 euros aos viveiros e 5,4 millóns de euros a novas tecnoloxías, un 14,32% máis que no 2017.
No que respecta á área de mobilidade, Carmela Silva destacou que contará con 17,27 millóns de euros, o que supón un incremento do 6,62%, e turismo rozará os 4 millóns de euros que significan un crecemento do 2,8%. Pola súa banda a área de igualdade, unha das grandes apostas do goberno da Deputación de Pontevedra, terá un orzamento de 1,2 millóns de euros, é dicir, un 8,1% máis que no 2017.
A área de cohesión social e xuventude para o 2018 contará cun orzamento de 5,61 millóns de euros que, sumando Príncipe Felipe, ascenden a 10,3 millóns de euros. Tamén se van destinar preto de 4 millóns de euros aos servizos lingüísticos (un 6,2% máis que no 2017), 4,4 millóns de euros ao Museo de Pontevedra (1,85% máis que o ano anterior), preto de 4,4 millóns de euros para deportes e preto dun millón de euros para a Escola de Cantería para, en palabras de Silva, “incluír melloras nas súas instalacións tendentes a adaptalas á lexislación vixente para conseguir que os seus títulos poidan ter un recoñecemento oficial”.
Déficit cero e menos débeda
A presidenta da Deputación de Pontevedra destacou que o orzamento cumpre co requisito do déficit cero, “polo que somos unha administración ben xestionada, con cada vez máis recursos e proxectos pero coas contas axeitadas”.
Máis polo miúdo, Carmela Silva destacou que os ingresos correntes experimentan un crecemento superior ao 2,4%, “suficientes para facer fronte aos gastos correntes e aforrar 1,4 millóns de euros que, á súa vez, nos permiten aumentar a nosa capacidade para financiar investimentos”.
Ao respecto, a presidenta provincial destacou que “pasamos dunha ratio de investimento de 45 euros por habitante a 48 e en gasto de 160,8 euros por habitante a 166, así que podemos dicir que somos unha das administracións que dedica máis recursos por habitante”.
Tamén se amosou satisfeita Silva pola redución do endebedamento ata en 6,4 millóns de euros, cumprindo co requisito de estabilidade orzamentaria, regra de gasto e límite de débeda. Neste eido, a presidenta provincial lembrou que “recibimos de herdanza unha débeda viva de 39 millóns de euros e nos propuxemos chegar á metade en dous anos ,algo que cumprimos e que, ao rematar o 2018, conseguiremos situar en pouco menos de 12 millóns de euros”