As contas non contemplan ningún euro de libre disposición para a presidencia. Igualmente, cumpren co obxectivo de déficit cero e coa regra de gasto e estabilidade orzamentaria, ao diminuír o endebedamento en 6,4 millóns de euros. Os ingresos correntes experimentan un crecemento superior ao 2,4 % suficiente para facer fronte aos gastos correntes e aforrar 1,4 millóns de euros. Deste xeito a ratio de investimentos pasa de 45 a 48 euros por habitante.
Para 2018 a Deputación de Pontevedra incrementa as partidas para o Plan Concellos ata os 42 millóns -un 2% máis que no 2017.- e, amais, a súa liña 1, de investimentos, vai garantir 30 millóns do 2019 para que os concellos poidan presentar proxectos máis ambiciosos ou destinar recursos para facer fronte aos danos producidos polos incendios.
A estes recursos hai que engadir un millón de euros a disposición dos municipios para anticipos sen xuros e sen comisións e dous millóns do Plan de Reequilibrio 2017, aos que hai que sumar os 6 millóns xa aprobados no pleno do pasado 24 de novembro.
O orzamento tamén conta con 2,7 millóns -7,5% máis que no 2017- para programas de protección dos montes e desenvolvemento da pesca e agrogandería, case 4 millóns ao tratamento e xestión de residuos e un 7% máis de investimentos en Areeiro e Mouriscade.
No que se refire ao fomento do emprego o orzamento increméntase un 8,72%, con 4,12 millóns. Ao respecto, a institución provincial salientou que pasou de crear 719 empregos no 2014 a 1.100 no 2016 e 1.200 no 2017, aos que engadir as 1.085 bolsas do plan de práctica laboral, os preto dun centenar de bolsas de turismo e as centenas de emprego na propia institución, en mellores condicións de acceso.
Tamén medran nun 5% os recursos destinados ao apoio á actividade económica, con preto de dous millóns para SmartPeme (que este ano multiplicou por tres o número de asesoramentos), 340.000 para os viveiros e 5,4 millóns para novas tecnoloxías.
Ademais, a área de mobilidade contará con 17,27 millóns (un 6,62% máis que no 2017), turismo con 4 millóns (2,8% máis que no 2017), igualdade con 1,2 millóns (8,1% máis que no 2017) e cohesión social e xuventude 5,61 millóns (1,5% máis que no 2017) que, de sumar Príncipe Felipe, ascende a 10,3 millóns.
Na área de cultura e lingua, 3,9 millóns (6,2% máis que no 2017) van dirixidos a servizos lingüísticos, promoción cultural e xestión do patrimonio histórico e artístico, aos que engadir os 4,4 millóns do Museo Provincial (1,85% máis que no 2017). Amais, a Escola de Cantería ve reforzado o seu orzamento con preto dun millón de euros e para a área de deportes máis de 4,3 millóns.