Este ano a saída, dende a contorna da praza de Compostela, muda de dirección. En lugar de correr directamente cara ao Casco Vello irase cara ao Areal para dirixirse a García Barbón, a novidade sobre o ano pasado. Búscase deste xeito unha saída multitudinaria máis espectacular, cómoda e rápida para os milleiros de corredores.
Así, dende Areal chegarase a Serafín Avendaño para alí tomar García Barbón, Colón, Marqués de Valladares, Fermín Penzol (único tramo en costa), Praza da Constitución, Triunfo, Rúa Real (este ano é en baixada para facilitar o paso dos corredores), Teófilo Llorente, Cánovas del Castillo, Concepción Arenal, unha volta á Alameda e chegada á meta.
«É unha marabillosa forma festiva de acabar o ano e será unha gran celebración para despedir 2017», sinalou na presentación do evento o alcalde, Abel Caballero, que insistiu en que «é unha carreira non competitiva, festiva e de cachondeo total», invitando a que a cidadanía acuda disfrazada.
De feito, o Concello, que lidera o patrocinio e a organización, anunciou que haberá nove cheques agasallo por un total de 1.200 euros para os mellores disfraces de grupo, individuais e infantís, ademais do tradicional sorteo de diversos produtos.
O rexedor lembrou que esta é «de longo a proba que máis participantes ten», citando a Vigo contra o Cancro como «a seguinte máis numerosa con 2.000 ou 3.000» e explicando que esa proba de Coia duplica ás seguintes. Caballero dixo que ao longo do ano as 45 probas atléticas que hai na cidade, entre as populares urbanas, as de cross e pista, mobilizaron a uns 50.000 deportistas.
Soledad Castro, atleta do Comesaña, afirmou que a ela en cada proba «hai un nervio que me di corre!», pero celebrou que se organicen estas probas non competitivas «para quen quere pasar un día diferente».
Ademais, tanto o alcalde como Pedro Pereira, presidente da ONG Banco de Alimentos de Vigo, lembraron que o paso pola Alameda será o derradeiro ano co actual empedrado, pois «estamos a piques de iniciar a reforma de todo esa contorna semipeatonal», explicou o político.