Fernandes ofreceu este mércores un relatorio na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación dentro do ciclo de conferencias Enxeñaría e Sociedade no que abordou as oportunidades laborais que a ciberseguridade e o mundo hacker ofrecen ao alumnado da escola.
Segundo explica, “a ciberseguridade é unha materia transversal a calquera eido no que estea presente a tecnoloxía” e, pouco a pouco, mediante a transformación dixital, estará presente en “todos os sectores profesionais e no noso día a día”.
De feito, o Internet da Cousas é un dos retos da ciberseguridade e “moitos dispositivos de IoT (Internet of Things) para uso persoal carecen das medidas de seguridade suficiente” e é preciso concienciar á sociedade da cantidade de “información de carácter persoal que damos consciente ou inconscientemente a estes aparatos no noso día a día”.
Dende a automatización da industria aos coches intelixentes, das casas domóticas aos teléfonos móbiles, a sociedade está cada vez máis conectada e, segundo o hacker, “temos que empezar a considerar que todos os servizos e produtos que se creen, deben pensarse coa ‘seguridade por deseño’, cousa que actualmente podemos dicir que en multitude de produtos non está ocorrendo”.
Unha oportunidade laboral para titulados da EE de Telecomunicación
Na situación actual, na que a maioría de empresas e organismos públicos son xa conscientes na importancia da ciberseguridade, estase a mudar a imaxe que se tiña dos hackers, máis relacionada coa delincuencia e os ataques, que coa defensa da integridade das comunicacións dixitais.
“Insistimos día a día, un hacker non é un delincuente, e pouco a pouco imos superando a imaxe que anos atrás se outorgaba á figura do hacker”, destaca Fernandes, que sinala o importante papel desenvolto neste sentido por divulgadores e cooperantes, para que a comunidade de hackers teña cada vez maior visibilidade.
Por todo iso, e dado que “o mundo evoluciona día a día, e hai que intentar estar sempre en movemento, colaborando, debatendo e sen deixar de aprender e adaptarse”, a ciberseguridade poder converterse nun importante nicho laboral para as e os egresados da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. De feito, o centro porá en marcha o vindeiro curso un Máster en Ciberseguridade e conta, dende 2016, coa Cátedra Deloitte en Ciberseguridade.
Para Antonio Fernandes esta oportunidade xa se ten convertido nunha realidade e, a partir deste mes de decembro, entrará a formar parte do grupo de expertos de Enisa, que como explica, é unha lista aberta a profesionais que queiran participar e teñan dispoñibilidade para colaborar en proxectos europeos de ciberseguridade. “Agora toca agardar a que algún destes proxectos precise axuda e consideren que o meu perfil se adecúe ás súas necesidades”, conclúe.