En cumprimento deste obxectivo, o orzamento da Xunta para 2018 reforza as partidas económicas dirixidas a área de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica que aumentan un 8% con respecto ao presente ano ata sumar un montante global de 133,2 millóns de euros. Un dato significativo é que desde a creación da Consellería de Política Social o crecemento acumulado deste departamento autonómico ascende ao 54%, o que pon de manifesto a forte aposta deste Goberno polo apoio ás familias e polo desenvolvemento integral dos menores.
Este continuo crecemento da inversión en políticas activas de apoio á familia e á infancia está a permitir a consolidación e mellora do Programa de apoio á natalidade de Galicia (PAN Galicia), que se comezou a desenvolver a finais do ano 2015 e que contempla un amplo abano de iniciativas e axudas dirixidas a avanzar cara o obxectivo da conciliación real e efectiva, como o a Tarxeta Benvida, o Bono Concilia o Bono Coidado ou as Casas Niño, e das que se benefician numerosas familias en Vigo.
Así, nos dous primeiros exercicios de existencia da Tarxeta Benvida -2016 e 2017- preto de 3.000 familias teñen sido ou son usuarias da mesma, sendo o investimento da Xunta nesta medida de 3,5 millóns de euros no conxunto da provincia. O Executivo autonómico estenderá esta tarxeta ata os 3 anos para aqueles nenos e nenas nados en 2018 cuxa renda familiar sexa igual ou inferior aos 22.000 euros. Deste xeito, serán máis familias e durante máis tempo as que se beneficien das vantaxes desta medida, que consiste nunha axuda directa aos pais e nais de 1.200 euros ao ano para destinar a produtos básicos na crianza dun bebé: roupa, alimentación, produtos de hixiene ou de farmacia, entre outros.
No que atinxe ao Bono Concilia, no actual curso escolar 2017-2018 un total de 751 familias beneficiáronse desta medida á que a Xunta destina na localidade de Vigo algo máis de 840.000 euros, un 20,6% máis que o curso pasado que rexistrou 585 beneficiarios e supuxo un investimento de 696.000 euros. O Bono Concilia garante que todos os pais e nais que non acceden a unha praza de escola infantil financiada con fondos públicos reciben axuda para elixir o centro ao que desexen levar os seus fillos ou fillas.
Por outra banda, a Consellería de Política Social está a reforzar o programa do Bono Coidado. De feito, o Goberno galego ten aberta na actualidade unha nova convocatoria que presenta importantes melloras con respecto a do ano pasado, sendo a principal a extensión desta axuda económica ás familias con nenos e nenas menores de 12 anos, cando antes estaba limitada ata os 3 anos.
O programa do Bono Coidado ten como finalidade colaborar no pago do importe de servizos de atención á infancia a domicilio por enfermidade do/a menor e imposibilidade de ser coidado polos membros da unidade familiar, ben sexa por enfermidade do coidador/a habitual ou por situacións puntuais de carácter laboral, entre outras posibles circunstancias ocasionais. Na primeira convocatoria desta medida, correspondente ao exercicio 2016-2017, foron 28 as familias beneficiarias na cidade olívica.
A Xunta de Galicia entende que con estas e outras medidas de apoio á familia e á conciliación -como o incremento das prazas en escolas infantís e das bonificacións no pago da matrícula, así como o aumento do permiso de maternidade ata as 22 semanas para o persoal da Administración autonómica- ser pai ou nai en Galicia ten hoxe máis respaldo que nunca. O obxectivo é xerar o contorno social máis favorable para vivir, formar unha familia e o desenvolvemento integral da infancia.