“SmartPeme” oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.
As quendas para o mes de decembro na oficina de Vigo comezarán este luns día 4 co curso “Bota as túas propias fotografías para o comercio electrónico”. Dez días despois terá lugar a segunda quenda, o xoves 14 de decembro, co curso “Google Analytics: Interpretación dos datos e toma de decisións”. Por último, o martes 19 de decembro, as persoas interesadas poderán asistir ao obradoiro de “Ferramentas TIC básicas e sinxelas para a xestión do teu negocio”. A oficina “SmartPeme” de Vigo, na Sede da Deputación da cidade, atópase na Rúa Oporto, nº 3. Os tres obradoiros comezarán ás 19.00h.
Pola súa banda, a oficina de Ponteareas acollerá o mércores 13 de decembro o obradoiro “Coñece as claves para a dixitalización documental”. Unha semana despois, o martes 19 de decembro, organizarase tamén en Ponteareas o curso “Como utilizar Instagram para promover a túa empresa”. E para rematar o ano, o xoves 21 de decembro, terá lugar o obradoiro “Como facturar electrónicamente para as empresas e administracións públicas”. A oficina “SmartPeme” de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, nº 5. Todos os cursos tamén comezarán ás 19.00h.
Por último, a oficina do Porriño acollerá, todos en horario de 19.00h, os seguintes obradoiros: o martes 12 de decembro, “Imos chamar á porta da túa clientela: Posicionamento SEO”; “Google Analytics: Interpretación dos datos e toma de decisións” o luns 18 de decembro e para rematar o mércores 20, o obradoiro “Crea o teu propio logotipo con Canva.”. A oficina “SmartPeme” do Porriño, no Multicentro do concello, atópase na rúa Ribeira, s/n.
A inscrición para estes cursos se pode facer a través do número de teléfono 886 20 20 20, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es
Lembramos que o novo proxecto “SmartPeme”, en palabras da Presidenta da Deputación, Carmela Silva, «é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das pemes e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos campos de actuación e alcanza novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos». Para isto, nas oficinas de SmartPeme no Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo se poñen en marcha as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores e emprendedoras, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as pemes e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.