O alcalde vigués sinala que no encoro de Baíña -que subministra auga a Baiona e está xestionado pola Xunta de Galicia- “o caudal ecolóxico neste momento é cero”. A este respecto, Caballero apunta sobre Baiona que, “se a xestión da auga da Xunta de Galicia fora tan boa, non estarían pedindo auxilio a Vigo”, ao tempo que recorda que “as súas propias estimacións publicadas no mes de outubro garantían auga para seis meses”. Conclúe o primeiro edil que “se a Xunta de Galicia xestionara a auga de Vigo, hoxe estaríamos sen auga” e censura que “onde eles xestionan vale todo, onde non xestionan nos queren deixar sen auga”.
O rexedor vigués recorda ademais que o goberno de Núñez Feijóo leva “sete anos sen facer o transvase que lle reclamamos” no 2011, ano da última seca importante, e sen embargo “o da Coruña si o fixeron”. “Aínda así o transvase o paga prácticamente todo Vigo”, engade Abel Caballero sobre a conducción de emerxencia desde o río Verdugo. “Agora vai resultar que Vigo é quen ten que garantir a auga a Redondela, Cangas, Moaña, Soutomaior, Porriño, Gondomar, Mos, Nigrán e
Salceda. Son uns neglixentes e incapaces”.
Coa seca, Abel Caballero asegura que a Xunta de Galicia está a “facer política contra a cidade de Vigo, coma sempre”. Por último, o alcalde vigués aclara que a potabilidade da auga de Vigo está “totalmente garantida”.