O tema musical foi creado en 2014 e presentado ese mesmo ano durante a Festa da Rosa, nun acto colectivo no que Xulio Lorenzo estivo acompañado de todos os gaiteiros de Mos. Tras aprobación do novo himno en sesión plenaria, o acordo publicarase no Boletín Oficial da Provincia. A continuación, abrirase o período de exposición pública, tempo durante o que os interesados poderán efectuar as alegacións que estimen oportunas.
Xulio Lorenzo ten composto varias obras dedicadas á súa vila como a ‘Muiñeira de Mos’, a ‘Danza de Alfacuca’ e o ‘Pasacorredoiras da Torroeira’. O gaiteiro ten ás súas costas unha ampla traxectoria musical. Leva tocando dende os 12 anos e xa suma un cuarto de século acompañado polo son da gaita.
En 2009 comezou a dedicarse profesionalmente á música e este 2017 gravou o seu primeiro disco titulado ‘Cantos da alma’, que presentou e estreou o pasado 20 de maio no teatro García Barbón de Vigo cun gran éxito de afluencia tanto nese concerto coma na xira de presentación que constou doutros seis concertos máis, entre eles o da Festa do Viño de Salvaterra e o da Festa do Marisco en O Grove.
Este seu primeiro disco foi gravado coa colaboración da Banda de Gaitas Xarabal de Vigo á que pertenceu Xulio entre os anos 1997 e 1999.
Unha honra para Lorenzo
O himno municipal de Mos, a Alborada Camiño da Rosa, inspirouse segundo o seu propio autor explica no lema turístico do Concello, ‘Mos, a rosa do Camiño’. Indica Xulio Lorenzo que se trata dunha peza popular sen demasiadas complicacións técnicas para que sexa relativamente sinxela de tocar para calquera músico mosense independentemente do seu nivel de formación.
Lorenzo declarou a este respecto que “é unha honra como veciño de Mos, ter podido ser o artífice do himno municipal, é algo moi emocionante”. E conta ademais que “a Alborada Camiño da Rosa é unha peza feita con moito sentimento e que non estaba pensada para ser un himno, non tiven o condicionante nin a presión de que me encargaran un himno para Mos, senón que creei un tema dende o corazón que logo resultou que gustou tanto que vai a ser utilizado como o Himno Municipal do meu Concello. É un soño feito realidade”.