A primeira parada do espectáculo O Pergamiño Vindel: Unha viaxe musical será a librería de Pedro Vindel, no momento do descubrimento do manuscrito, no século XIX. Na seguinte estación, as e os asistentes presenciarán os acontecementos que rodearon esta obra da lírica medieval galego-portuguesa e descubrirán, deste xeito, como Madrid, Suecia ou Nova York acolleron ás ondas do mar de Vigo máis célebres para finalmente seren testemuña da volta ao fogar do Vindel.
Para recrear esta viaxe, oito músicos e grupos de diferentes xéneros porán voz e son ás sete cantigas do trobador Martín Códax, mentres Camiño Noia e Xosé Bieito Arias, especialistas na obra de trobador vigués, achegarán a súa visión sobre o Pergamiño.
Trobadoras e trobadores do século XXI
Arpas, frautas, percusións e zanfonas recrearán os compases medievais que acompañan a obra de Codax. Oito artistas e bandas subirán ao escenario do Teatro Afundación, como o Grupo Martín Códax, que conta con máis de 20 anos de experiencia na interpretación dos sons da idade media. Tamén formarán parte do elenco de artistas Anxo Pintos, compositor galego e zanfonista; a violinista Begoña Riobó; Yago Vázquez, pianista; o acordeonista Roberto Comesaña e o percusionista Miguel Cabana.
En canto ás voces, o Coro da Mariña achegará as notas que unirán a esencia do mar co Pergamiño Vindel no conxunto da composición, mentres que a cantante moañesa Woyza tinguirá de soul e rap o teatro. Pola súa banda, Cristina Pato, que este ano recibía a Medalla Castelao e o Premio da Cultura Galega, exercerá de directora artística e guía do espectáculo.
Invitacións
Para asistir ao concerto, os membros da comunidade universitaria deberán solicitar unha invitación a través da plataforma culturxest da Universidade de Vigo. O prazo para solicitar este pase permanecerá activo ata o 18 de decembro ás 23:59 h, ou ben, ata que estas se rematen.
Por outra banda, na oficina de Extensión Universitaria tamén se poderán conseguir os convites a partir do 14 de decembro ás 09.00 horas. As persoas alleas á Universidade de Vigo poderán dispor unicamente das invitacións que non sexan solicitadas pola comunidade universitaria.