A finalidade é impulsar a recollida e posterior identificación de residuos plásticos nos portos de Gandía e Vigo por parte dos pescadores de cada unha das zonas, para poder analizar tanto a súa tipoloxía como o impacto na fauna mariña.
Nunha última fase definiranse distintas posibilidades de valorización dos residuos para a súa aplicación na fabricación de novos produtos a nivel industrial. A participación da Universidade de Vigo neste proxecto artellarase a través do grupo Ecotox (Ecotoxicoloxía e Contaminación Mariña), dirixido polo catedrático Ricardo Beiras. Xunto con Aimplas e a Asociación Vertido Cero, encargaranse de caracterizar o lixo recollido para definir tanto o tipo de residuos, como a súa natureza e orixe e a súa ecotoxicidade.
Como explican os investigadores, “na caracterización da ecotoxicidade estableceranse protocolos con diferentes modelos biolóxicos e avaliaranse en fases temperás de desenvolvemento dos organismos mariños seleccionados”. Ademais, engaden, “analizaranse os resultados obtidos nas caracterizacións para establecer resultados globais das zonas de recollida e determinar a influencia do lixo recollido no medio mariño”.
Destas tarefas tamén se obterán datos relativos ao efecto dos plásticos na reprodución das especies mariñas e toda a información achegarase en forma de datos ao programa oficial de seguimento de residuos mariñas do Mapama.
A primeira fase do proxecto arranca en xaneiro
A primeira fase do proxecto, a de recollida, botará a andar en xaneiro de 2018. A primeira tarefa será definir e planificar os puntos de recollida a pé de porto para a súa posterior caracterización. Para isto realizarase unha folla de ruta en cada localización e formarase unha ducia de pescadores para que estes labores se realicen de forma óptima.
Durante os sete meses que dura esta fase, a Cofradía de Pescadores de Gandía e os pescadores que traballan no Porto de Vigo apañar polo menos 300 quilos de lixo mariño.
O resultado final do proxecto consistirá en analizar as diferentes posibilidades de valorización dos residuos plásticos e as súas posibles aplicacións que se concretarán na fabricación dos tipos de pezas demostrativas.