O alcalde de Vigo, Abel Caballero, deu conta dos principais asuntos abordados na Xunta de Goberno Local, entre os que destacou a luz verde a esta convocatoria de traballadores, procedentes das listas do Servizo Público de Emprego. O Concello contratará capataces e peóns de construción, oficiais de xardinería, conductores, auxiliares administrativos, etc.
Algunhas das obras que o Concello levará adiante neste ámbito serán a construción de beirarrúas nas rúas Portela e Casal, a rehabilitación de lavadoiros municipais, limpeza de camiños e maleza en viais e parques, acondicionamento dos baños dos colexios Illas Cíes, Pintor Laxeiro, San Salvador de Teis e Ría de Vigo, reparacións no refuxio municipal da Madroa ou melloras no acceso á praia do Vao.
Virxe do Rocío
Ademais, o goberno vigués acordou a clasificación de ofertas -antiga adxudicación provisional- para a contratación das obras de cubrición do patio do colexio Virxe do Rocío. O Concello reserva 275.000 euros para unha obra que presenta tres meses de prazo estimado de execución.
Caballero, que recordou que cubrir patios de colexio é competencia da Xunta de Galicia, engadiu que o Concello dispón doutros 335.000 euros para a mesma mellora no colexio Carballal e que está á espera do visto bo de Patrimonio para cubrir o patio do Canicouva. De cara ao orzamento municipal de 2018, o goberno de Vigo volveu incluír unha partida de 450.000 euros ao efecto.
Finca Solita
A Xunta de Goberno Local tamén validou os proxectos básico e de execución para a recuperación da chamada Villa Solita, en Alcabre. Concello e Deputación faranse cargo da rehabilitación por un importe total de 319.000 euros, dos que o ente provincial achega 277.000 euros e o goberno vigués 42.000 euros.
O convenio entre ambas administracións firmarase este mesmo venres. A intervención na finca procura preservar o patrimonio da cidade, un edificio de estilo indiano que data de finais do século XIX e que funcionará como espazo de desenvolvemento cultural, museístico, teatral e turístico, segundo expuxo o alcalde.