Ademais, Regades recordou que os cidadáns de Vigo, a través do recibo, transfiren cada ano «máis de cinco millóns de euros» á Xunta de Galicia en concepto de canon da auga. Así, o edil pediu ao goberno de Núñez Feijóo que reverta estes fondos nas melloras hidráulicas comprometidas no Plan de 2013 de Augas de Galicia, que contempla a necesidade dunha nova potabilizadora e incluso figura un desglose orzamentario para a mesma.
A actual potabilizadora do Casal serve aos cidadáns de Vigo e tamén aos de Cangas, Moaña e Redondela. Segundo o dato ofrecido por Regades esta mañá, un 20% da auga potabilizada é para os concellos da área de Vigo, polo que «está claro que é unha competencia supramunicipal», unha responsabilidade da Xunta de Galicia.
David Regades explicou que Vigo fai máis de mil analíticas da auga cada ano, unha frecuencia que se incrementou desde que a seca foi declarada, onde son varias as análises que se efectúan ao día. O tenente de alcalde ve «gravísimo» que a Xunta dirixida por Núñez Feijóo afirme carecer dos resultados pois todas as analíticas son transmitidas ao órgano autonómico «de forma puntual» e como marca a lei.
O responsable de Fomento tamén defendeu que a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU), no seu último informe, situou a auga de Vigo entre as catro de España de mellor calidade e sinalou que agora, en época de seca, os datos publicados pola Xunta de Galicia revelan que a calidade da auga de Vigo é mellor que a doutros municipios galegos e sen embargo Núñez Feijóo «asedia» aos cidadáns de Vigo.