Un total de 250 corredores participaron no ‘X Ciclocross Castelo de Maceda’, unha cita disputada con temperaturas pouco habituais para tratarse desta época do ano, ao redor dos 14-15 graos, e nun bo circuíto. Os representantes do Academia Postal – Actyon – MMR de Maceda conseguiron tres vitorias para o clube anfitrión. Iván Feijoo fixo valer a súa condición de líder do ránking elite e sub23 do certame autonómico para asinar o seu décimo triunfo do curso. O alaricano venceu con 1:23 de vantaxe sobre o tamén sub23 Samuel González (Salvaterra). O terceiro posto da súa categoría e da carreira absoluta ocupouno Román Saa, compañeiro de equipo do gañador. Adrián Valverde (Club Ciclista Rías Baixas), cuarto, foi o primeiro elite.
Outro éxito do conxunto local protagonizouno o júnior Carlos Canal nunha sensacional carreira na que superou a Adrián Barros (Coruxo) e ao gañador da clasificación xeral Jorge Suárez (Cidade de Lugo – Esturión), segundo e terceiro respectivamente en Maceda.
A carreira raíña feminina dominouna con solvencia Isabel Castro (Condado Bike). Os 150 puntos acadados con este triunfo servíronlle para situarse primeira no ránking absoluta adiantando á sub23 Irene Trabazo (Marín Ottoman), que non participou nesta xornada ao atoparse competindo en Bélxica. A segunda praza entre as mulleres correspondeulle á vencedora júnior Andrea García (Cambre – Renault Caeiro) e terceira foi a tamén júnior Alba Arias (Arteixo MB3).
O cadro de gañadores en Maceda completárono Noela Saa (Academia Postal – Actyon – MMR) e Rubén Sánchez (San Sebastián de los Reyes) en cadetes, Montserrat Martínez (Viana) nas masters, Luciano Carretero (Cambre – Renault Caeiro) nos masters-30, Alejandro Trasbach (Racing Cycling) nos masters-40 e Javier de la Fuente (Norinver) masters-50/60.
Gañadores dos rankings
Na cerimonia de podio os encargados de repartir os trofeos foron Pablo Rodríguez, o especialista en XCO do MMR Team; José Hermida, pai do excorredor José Antonio Hermida; e Francisco Novoa, presidente do grupo Academia Postal; mentres que o presidente da Federación Galega de Ciclismo (FGC), Juan Carlos Muñiz; e a secretaria da FGC, Begoña Carpinteiro; entregaron os diplomas e maillots dos ránkings finais da Copa Galicia.
Os triunfadores do certame autonómico no 2017 foron: Noela Saa e Miguel Rodríguez (Ponteareas) en cadetes, Andrea García e Jorge Suárez en júniors, Iván Feijoo e Irene Trabazo en sub23, Isabel Castro e Darío Otero (Muebles Compostela) en elites, Montserrat Martínez nas másters, Luciano Carretero nos másters-30, Manuel Armada (Asociación Galega de Ciclistas) nos másters-40 e Javier de la Fuente nos másters-50/60. Ademais, o Academia Postal – Actyon – MMR recibiu de mans de Rubén Quintas, alcalde de Maceda, o premio como mellor equipo da Copa Galicia de Ciclocross 2017.
A próxima proba do calendario galego de ciclocross é a máis agardada da temporada. Santiago de Compostela acollerá o domingo 31 de decembro o Campionato de Galicia.