A primeira opción (ver documento adxunto ao final do artigo) é a que está prevista no actual PXOM, saíndo da rotonda de Santa Catarina na rúa Fernández Albor, entroncando coa PO-552 nun cruce. Segundo dixo o técnico esta alternativa ten varios problemas e non é funcional, xa que non está prevista rotonda de enlace o que traería problemas de visibilidade no acceso. Suporía tamén a creación de noiros de ata 6 metros de altura e pendentes de ata o 8%, que crearían dificultades para o tráfico pesado, moi habitual no acceso ao Porto.
Na segunda proposta, o arranque sería o mesmo, en Fernández Albor, e transcorrería durante un quilómetro por unha plataforma de nova creación (que requiriría de bastantes expropiacións), pasando por detrás da EDAR e enlazando coa PO-552 nunha nova glorieta. Segundo o técnico, crearíase un efecto barreira con moita afección paisaxística polos noiros xerados, ademais de tamén afectar ao muíño de vento existente.
Finalmente, a terceira proposta aproveitaría a plataforma existente no paseo actual pola costa, non tería apenas pendentes e desniveis para o tráfico pesado, pasaría tamén por detrás da EDAR e remataría na PO-552 nunha glorieta, se ben tería o hándicap de pasar ao lado do mar.
Na presentación quedou practicamente descartada a primeira opción, sendo a segunda e a terceira as máis viables cara a futuro. Calquera delas terá unha cuneta dun metro na marxe esquerda, dous beiravías dun metro, dúas calzadas de tres metros, unha cuneta de 0,80 na marxe dereita e unha senda peonil ao mesmo nivel de 2,5 metros, o que supón un total de 12.30 metros.
O orzamento medio total acadaría, de forma aproximada e segundo se establece nos estudos de trazado, os 2.700.000 euros, un custe que se agarda sexa asumido conxuntamente polo Concello da Guarda, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia.
O estudo será enviado proximamente ao Goberno galego para que os órganos autonómicos competentes na materia elaboren os informes sectoriais que correspondan. A partir deses informes, decidirase cal é o trazado que se deberá acometer e elaborarase o proxecto de execución. O proceso, que pode prolongarse durante anos, será levado dende o Concello coa “maior celeridade posible”, agardando ter listo o proxecto de execución durante o ano 2018.
Lecturas políticas
Ao acto asistiron o alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba, o deputado provincial de Cooperación, David Regades, e o deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez. Lomba destacou a vinculación entre este novo proxecto e o plan de humanización da rúa Concepción Arenal, toda vez que o novo acceso sur ao Porto permitirá desconxestionar o centro da vila e que “os veciños e veciñas desfruten das rúas” e non sufran as consecuencias do paso do tráfico portuario polo casco urbano.
Pola súa banda, Benítez lembrou que o novo acceso ao Porto de A Guarda foi cualificado no Plan de Mobilidade que a Deputación elaborou para o municipio como “estratéxico” para o desenvolvemento da vila, xa que a nova vía retirará do centro urbano todo o tráfico portuario e permitirá recuperar a rúa Concepción Arenal para o uso da veciñanza, dándolle un carácter prioritario ás persoas.
“Non é preciso agardar á tramitación do PXOM. Unha administración supramunicipal pode executar unha infraestrutura digna de acceso ao Porto. É viable, factible, realizable”, dixo Benítez, para engadir que a vontade da Deputación de Pontevedra é colaborar para que a estrada sexa unha realidade.
En calquera caso, destacou que é imprescindible facer un chamamento á Xunta para que se involucre con seriedade no proxecto de A Guarda, xa que os accesos ao portos, en xeral, son infraestruturas portuarias e competencias propias do Goberno galego, ademais de afectar, neste caso concreto, a viario autonómico xa existente.
Mentres, Regades sinalou que as opcións presentadas son “boas tanto para a mobilidade como para a economía” da vila e do Porto e indicou que o proxecto de redacción do novo acceso á zona portuaria “é único proxecto desta singularidade” que a Deputación vai facer neste mandato “ante a falta de iniciativa da Xunta”.