Pola súa banda, os representantes do Goberno galego trasladáronlle aos traballadores o “apoio” da administración autonómica “poñendo a súa disposición a mediación a través do Consello Galego de Relacións Laborais co obxectivo de que as negociacións avancen, agardando unha solución o antes posible”. A Xunta defende a vía do diálogo como mellor fórmula para que a situación xerada teña o menor impacto posible.
Ademais, representantes do PSdeG rexistraron varias preguntas dirixidas ao Goberno galego para saber que está disposto a facer para evitar o peche da empresa, salientando a “importancia social e económica” que ten a firma nas vilas nas que opera.
Así mesmo, lembraron que existe un acordo do Pleno do Parlamento que aprobou por unanimidade unha proposición non de lei que instaba ao Executivo autonómico a “facer xestións ante a propiedade de Maderas Iglesias coa finalidade de procurar a viabilidade e a continuidade da empresa, velar polos dereitos laborais e polo mantemento do emprego”.
As negociacións entre os empregados e a dirección da empresa comezaron o pasado día 12 de decembro. Segundo explica o presidente do comité, Vicente Morales, da CIG, Maderas Iglesias puxo sobre a mesa a liquidación de 140 postos de traballo dos 249 cos que conta na actualidade, ou a liquidación de todos, se esta proposta non se acepta.
“A empresa dá un prazo do 12 ao 30 de xaneiro para chegar a un acordo, pero non garante que vaia cumprir. Como lle dis a un traballador: vaste e cobrarás ou non? Iso é inviable”, denuncia Morales.Por ese motivo trasladaron a súa protesta ao Parlamento. “Queremos salvar a empresa e garantir os postos de traballo”, explicou a representante da CIG Enriqueta García. “Queremos no Parlamento que nos apoien, que haxa un compromiso político, porque somos a maioría mulleres que estamos nunha idade moi crítica. Eu teño 45 anos, pero hai xente de 55 e 56 anos. Unha vez peche a empresa as mulleres, con esa idade, temos o mercado laboral pechado”.
En pleno ERE a empresa vai á Feira de Valencia
Os sindicatos denuncian ademais que houbo unha mala xestión e que a dirección da empresa non soubo aproveitar o repunte que houbo no ano 2015. Non entenden como é posible que nese momento mesmo se contratara máis persoal e que haxa unha débeda privilexiada cos bancos de máis de 34 millóns de euros que, ademais, non teñen intención de pagar.
Para o presidente do comité tampouco é comprensible que en plena negociación da liquidación ou dun ERE extintivo e con esa situación económica á empresa se presente na Feira de Valencia. “Din que van repuntar a empresa, pero é unha contradición. Sabemos que a empresa ten esas débedas porque as vimos nas contas, que os bancos xa están presionando ao empresario porque xa non ten credibilidade ante ninguén, pero en realidade só sabemos iso”.
O Igape só fiscalizará a actuación da empresa
Esa é precisamente a información que pretendían obter no Igape, ademais dun compromiso de apoio que non chegaron a conseguir. Xulio Vicente, representante da CIG-Construción, denuncia os “malos modos” cos que foron tratados e explica que diante da negativa a recibir a asesores e alcaldes estes presentaron unha reclamación.
Con todo aclara que, curiosamente, non chegaron a desprazarse até este organismo os alcaldes do PP e sinala que que o único compromiso que se lles trasladou aos representantes do comité é que van fiscalizar a actuación da empresa para que esta cumpra coa lei.Situación crítica para as familias
A situación para o persoal, que vén padecendo atrasos nos cobros das súas nóminas desde hai tempo, é moi delicada. “Hai traballadores aos que está axudando o propio Concello. Ata o de agora cobrabas o 10, o 15 ou máis do 20. Iso para unha familia que teña unha hipoteca, repercute en todo”, lamenta o presidente do comité.
Morales lembra que Maderas Iglesias chegou a ter máis de 800 traballadores e que Concellos da zona cren que é viable como empresa. Por iso reclama que se lles aclare exactamente cal é a situación. “A información que temos é o que nos conta o empresario”, afirma, e se non se fai algo antes, ou se acepta o acordo de liquidar os 140 postos de traballo ou a empresa pecharía o día 13 de febreiro.
“As consecuencias serían terríbeis para as familias mais tamén para a zona, pola cantidade de postos de traballo que hai en xogo. Por iso esta xoves tamén se trasladaron alcaldes para apoiar as demandas do persoal”, indican dende a CIG.