Deste xeito, o número de formacións asistentes verase reducido con respecto a outros anos, xa que en anteriores edicións acudiran rondallas de fóra de Vigo que desta vez non estarán incluídas ao existir diverxencias entre as administracións públicas á hora de sufragar o financiamento necesario.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, criticou que se pretenda que a cidade olívica pague o custo dun festival de rondallas que non son de Vigo. «Era o que nos faltaba. O que algúns queren que fagamos custa 85.000 euros«, declarou.
«Vigo paga para Vigo, os tempos nos que Vigo paga todo acabáronse», recalcou, apuntando que sería diferente se estivese en funcionamento a Área Metropolitana. «Eu teño unha obriga coas rondallas de Vigo e ofrézolles un festival para elas», insistiu.
Pola súa banda, a Federación de Rondallas da Área Metropolitana de Vigo emitiu un comunicado no que indicou que “despois dunha longa espera e de que moitos nos preguntarades o motivo da demora no reparto de invitacións, debemos informarvos de xeito oficial de que o Concello de Vigo comunicounos esta fin de semana que este Nadal non se vai facer cargo do certame de rondallas que habitualmente víñase facendo no Ifevi”.
Os asociados precisaron que o motivo é o elevado custo económico que esgrime o consistorio vigués e lamentaron non ter “tempo suficiente” para procurar alternativas e que, polo tanto, “despois de máis de 30 años, este Nadal non poidamos gozar deste encontro cultural único en todo o país”.