Como expuxo, novembro, outubro, xaneiro, maio, febreiro, setembro e xuño foron, por esta orde, os meses nos que máis medrou o número de visitantes, o que permite avanzar nun dos obxectivos da Estratexia de turismo de Galicia 2020, impulsada este mesmo ano entre a Xunta e o sector en permanente diálogo, unha colaboración que está a dar resultados.
“Facemos balance do mellor ano para o turismo en Galicia”, declarou Nava Castro na Oficina de Turismo de Vigo, renovada recentemente para continuar mellorando a imaxe e a acollida que Galicia ofrece aos visitantes. A directora expresou a súa satisfacción non só polas cifras positivas de turistas, senón polo avance en outros parámetros, pois “demos outro bo paso adiante en variables como as pernoitas, a estadía media, a ocupación ou a rendibilidade”.
No remate deste Ano Internacional do Turismo Sustentable promovido pola Organización Mundial do Turismo (OMT) e que Galicia celebrou de xeito intenso, Nava Castro manifestou que estes principios “continuarán marcando o noso modelo” grazas ao que “a familia dos que queren coñecer Galicia non deixa de ampliarse a agardamos ser este ano 5 millóns”.
Un 20% máis no turismo rural
Ao atoparse en Vigo, Nava Castro detívose especialmente nos rexistros desta cidade que, como dixo, é unha parte fundamental da Estratexia 2020 da Xunta de Galicia. A directora de Turismo celebrou que medre por riba da media ata acadar, en liña co resto da Comunidade, marcas históricas. Así, sinalou que o número de turistas en Vigo aumentou un 15,6% ata os preto de 396.000, que realizaron 770.00 pernoitas, un 13% máis que hai un ano. Tamén se referiu á provincia de Pontevedra, onde o turismo rural medrou un 20% e os hoteis un 14%.