“Eu en ningún momento pedín que o Concello de Vigo pagase o certame de rondallas, senón que o que se solicitou foi que o asumise a Deputación de Pontevedra; pero como a presidenta provincial, dona Carmela Silva, negouse, el erixiuse no seu salvador político e asumiu unha responsabilidade neste tema que ninguén lle esixira para que ela non tivera que botarse atrás. El soíño meteuse nisto e a súa reacción agora resulta canto menos vergoñenta”, declarou Arévalo.
Reacción que a alcaldesa considera “unha total e absoluta falla de respecto cara aos 1.500 músicos rondalleiros da provincia de Pontevedra e aos propios veciños e veciñas de Vigo, aos que vai a privar de máis da metade do espectáculo do tradicional certame”.
A primeira edil de Mos foi máis alá e cualificou de “paleta” a actitude de Caballero. “Ten unha nula visión de Área Metropolitana, adoitando a este respecto unha actitude paleta e un discurso caducado que lle impiden comprender que todos os concellos sumamos e que todos facemos o Gran Vigo”.
Igualmente, insistiu en que “non se pode xogar coas rondallas segundo os intereses políticos”. “Eu as defendín e as defenderei sempre –a todas as rondallas tanto ás de Mos como ás de Vigo ou de calquera outro concello da provincia- independentemente das circunstancias, ao contrario que o señor Abel Caballero, que primeiro, e ao seu antollo, as meteu a todas nun certame organizado por Vigo para salvarlle a cara á presidenta da Deputación e agora deixa fóra á meirande parte delas para atacar aos concellos gobernados polo PP e a min en particular”.
Arévalo tamén considera “altamente sospeitosa a casualidade de que o municipio mosense fora o único con goberno popular que participaba no certame e agora curiosamente se estea a dar esta situación”.
Finalmente, a alcaldesa instou en primeiro lugar ao seu homólogo vigués a que se informe correctamente, xa que Mos conta con catro rondallas ao igual que Vigo, e non tres como el afirmou.