As sepulturas que se ofertan en concesión son as correspondentes aos números 230 ao 233, 240-241 e 248 ao 279 no bloque K do cemiterio. O prezo mínimo por nicho será de 850 euros máis IVE e a concesión máxima para cada un ascenderá a 50 anos podendo prorrogarse unha soa vez por outros 10 anos máis.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e os primeiro e segundo tenentes de alcalde e concelleiros de Contratación e Patrimonio mosenses, Alberto Méndez e Camilo Augusto, respectivamente; informaron de que “dende o ano 2014 a administración local non abría un procedemento para a concesión demanial para o uso privativo de sepulturas valeiras no Cemiterio Municipal de Torroso, polo que agora trátase dun bo momento para optar á devandita concesión para aquelas persoas que estean interesadas”. No ano 2014 ofertáranse o mesmo número de nichos, un total de 39.
Poderán optar á concesión dun destes nichos as persoas físicas de nacionalidade española ou dalgún dos países membros da Unión Europea, os cónxuxes, con independencia do réxime económico matrimonial, e as agrupacións de persoas físicas en réxime de cotitularidade, ó abeiro da lexislación civil, quen deberán de sinalar ante o Concello ó seu representante, de modo acreditado, e sempre e cando teñan plena capacidade xurídica. E non poderán ser concesionarios dos nichos ofertados as persoas xurídicas, salvo que sexan participadas na súa maior parte polo Concello ou que as adquiran por transmisión mortis causa, ou por mandato xudicial ou administrativo.
Entre os criterios de valoración para proceder á adxudicación destes nichos valorarase con cinco puntos o feito de que o/a solicitante se atope empadroado/a no Concello de Mos durante o ano anterior á publicación do anuncio de licitación.