Cumprir as ilusións destes cativos foi posible grazas á colaboración entre o Concello de Mos, a Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS) e Mos Axuda, que decidiron poñer en marcha conxuntamente esta iniciativa solidaria para que ningún desexo dun neno quede sen facerse realidade.
Ademais de Melchor, Gaspar e Baltasar, na entrega de agasallos aos pequenos estiveron presentes Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, e Sara Cebreiro, concelleira de Política Social.
O sistema utilizado para conseguir os agasallos dos 65 cativos beneficiarios consistiu en que os interesados en colaborar con esta campaña podían mercar o seu agasallo para un neno/a mosense a través da páxina municipal no enlace https://www.mos.es/mosaxuda-no-nadal/
Os regalos que se podían comprar na web eran xoguetes, obxectos, materiais ou prendas que previamente os beneficiarios pediron nas súas respectivas cartas aos Reis Magos. Como son 65 os pequenos, tamén son 65 os agasallos que integraban a listaxe entre a que podían elixir os empresarios e/ou particulares para mercar na páxina do Concello de Mos.
Grazas a esta iniciativa, finalmente ningún cativo de Mos quedou sen cumprir o seu desexo neste. A rexedora local e edil de Política Social aproveitaron a ocasión para agradecer a colaboración cidadá dos veciños e veciñas de Mos e do tecido empresarial mosense neste proxecto.