Pérez e a concelleira de Urbanismo, Julia Loureiro, informaron de que “hai case mes e medio que se veñen producindo dentro do termo municipal de Mos unha serie de incendios que están a causar danos importantes aos colectores de lixo de varias parroquias, concretamente as de Dornelas, Torroso, Louredo, e Petelos”.
“A dinámica destes feitos”, segundo explican os representantes municipais, “é a queima de contedores en horario nocturno –agás dous que foron queimados en horario diúrno- e sempre en días alternos, non consecutivos”.
En total dende o 29 de novembro foron queimados 15 colectores de lixo no Concello de Mos distribuídos nas seguintes ubicacións: 1 contedor na estrada que vai de Puxeiros a Mos (no límite entre as parroquias de Dornelas e Torroso), 2 na entrada do Camiño do Mareco, 1 na estrada Puxeiros-Mos na esquina do Camiño Mouriños, 2 no Camiño dos Eidos na parroquia de Torroso, 2 na Estrada das Baloutas, 1 na Estrada Louriñó-Sobráns na esquina do Camiño da Ponte de Roma, 1 no Camiño de Cotofe, 2 no Camiño das Barxas, 1 na Estrada do Pombal en Pantaño, 1 na Porteliña en Petelos e 1 máis na Estrada Puxeiros-Mos.
Os concelleiros declararon este martes que “estes feitos están a producir un grave prexuízo económico para o Concello, non só pola imperante necesidade de ter que repoñer os colectores afectados, senón tamén polo gasto que producen as tarefas de extinción e limpeza”.
A estimación dos custos en material urbano causados por esta serie de incendios provocados fíxase en 3.024 euros e os gastos en labores de extinción ascenden a 2.240 euros, sumando unha cifra total, a data de hoxe, de 5.264 euros.
Ambos edís, Loureiro e Pérez, lamentaron por último “que se cheguen a realizar este tipo de actos vandálicos que demostran ignorancia, xa que o único que se consegue con eles é prexudicar a tódolos veciños e veciñas de Mos e cargar de gastos ás arcas municipais”. “É un acto patético e vergoñento co que só se logra minguar a calidade de vida dos mosenses e gravar ó Concello que, ó fin e ó cabo, somos todos”, sentencian.