IMos Rir é o nome co que nace o primeiro ciclo de humor que se empezou a desenvolver o pasado 29 de decembro. Nace en colaboración entre o Concello de Mos e a Promotora galega de espectáculos Moitamerda Promocións, especializada no desenvolvemento deste tipo de eventos por toda Galicia. As actuacións comezaron co monólogo do actor e humorista galego Manuel Manquiña e continúan o domingo con ‘El Sevilla’.
En febreiro será a quenda do mítico cantante, actor e cómico Pablo Carbonell, que estará en Mos o domingo 4 co seu novo monólogo ‘Para habernos matao’. Posteriormente, o 18 de marzo, será a quenda do vilagarcián Carlos Blanco, a quen seguirá en abril José Corbacho. O peche chegará en maio co cómico vigués Miguel Lago.
O aforamento do auditorio é de algo máis de 300 persoas. A venda de entradas online é a través da plataforma www.woutick.es e tamén hai puntos de venda física de entradas na cafetería do Centro Dotacional de Torroso, no quiosco Sendín, rúa Pizarro 46 de Vigo, e no JJ Copas de Ponteareas.
Os prezos son de 10 euros máis gastos de xestión se se compra a entrada anticipadamente e de 13 euros se se compra o mesmo día do espectáculo no despacho de billetes do auditorio. Non se recomenda a entrada aos espectáculos a menores de 12 anos.